A formación nacionalista advirte do mal estado da protección do cantil de Chamoso, especialmente preocupante ante as previsións de acceso á costa pola eclipse
O BNG critica que se presente como unha actuación da Xunta unha senda na que, en Cabanas, “a única intervención foi a colocación dun cartel”.
O BNG de Cabanas alerta do estado de abandono no que se atopa o sendeiro litoral entre as praias da Madalena e Río Castro, unha situación especialmente preocupante ante a previsión de que numerosas persoas se acheguen á costa para observar a eclipse solar prevista para este mércores.
A formación nacionalista critica que, mentres o Concello aproveite a visita do presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, e do expresidente Alberto Núñez Feijóo para falar do Camiño do Litoral e da promoción turística de Cabanas, mentres a realidade sobre o terreo evidencia importantes carencias de mantemento.
O portavoz municipal do BNG, Iago Varela, sinala que “máis aló da colocación dun cartel, non existe ningunha intervención da Xunta no tramo do litoral cabanés”. Ao mesmo tempo, lembra que o percorrido presenta deficiencias que levan tempo sen ser resoltas.
Entre elas, destaca a presenza de árbores atravesadas no trazado, que dificultan o paso, e especialmente o estado do peche de protección situado na zona do cantil de Chamoso, que continúa tirado desde hai meses sen ser reposto. “Estamos falando dun elemento de seguridade situado nunha zona especialmente sensible e que leva tempo denunciado polo BNG sen que o goberno municipal lle dese unha solución”, denuncia.
Para Varela, esta situación adquire aínda máis gravidade ante a eclipse solar deste mércores e a previsión de que moitas persoas escollan Cabanas e os seus espazos costeiros para contemplar o fenómeno. “Levamos tempo sabendo que a eclipse pode atraer unha importante afluencia de visitantes e, porén, o Concello non fixo os deberes: hai sendeiros sen o mantemento básico necesario e elementos de seguridade sen repoñer. O goberno tivo tempo de prepararse e non o fixo”, afirma.
O BNG considera que esta realidade contrasta coa imaxe que o goberno municipal traslada a través das redes sociais municipais. “É moi doado facer unha foto con Rueda e Feijóo, falar do Camiño do litoral e dicir que Cabanas atravesa un bo momento. O problema é que as fotografías non retiran as árbores do camiño nin repoñen as proteccións que faltan”, apunta Varela.
A formación nacionalista considera que o problema do goberno municipal vai máis aló do mantemento puntual dun sendeiro e evidencia a falta dunha verdadeira planificación turística. “Falar de turismo é falar de planificación, de preparar os espazos, coidalos, garantir a súa conservación e tamén crear oportunidades que xeren un retorno positivo para o territorio. Todo o demais, é fume”, conclúen.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.