Wednesday 12 de August de 2026

O Concello investirá máis de 237.000 euros na mellora integral do núcleo de Aldemunde de Arriba


O proxecto permitirá renovar o viario, executar 450 metros de novas canalizacións de saneamento e pluviais e incorporar zonas verdes, arborado e mobiliario urbano

O Concello de Carballo continúa a avanzar na mellora dos servizos e das infraestruturas da zona rural cun novo proxecto de actuación no núcleo de Aldemunde de Arriba, no que se realizará un investimento de 237.287 euros.

A actuación permitirá abordar de maneira conxunta a renovación do viario interior e a mellora dos servizos existentes no núcleo, xa que se instalarán 400 metros de rede de saneamento e 50 de pluviais.

Unha vez completados estes traballos procederase á renovación dos firmes. O proxecto prevé a pavimentación con formigón de 3.200 metros cadrados do núcleo de Aldemunde de Arriba, cunha capa de 12 centímetros de espesor. Na zona sur executarase ademais unha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente.

A intervención inclúe tamén actuacións destinadas a mellorar a circulación e a integración do viario no núcleo rural, e incorpora unha vertente de mellora paisaxística, coa creación de 300 metros cadrados de zonas verdes, a plantación de árbores e a instalación de mobiliario urbano. Tamén se renovará a sinalización horizontal e vertical.

O proxecto de Aldemunde de Arriba segue a liña de intervención desenvolvida polo Concello noutros núcleos rurais, coa finalidade de que a renovación das infraestruturas sexa compatible coa conservación das características e da paisaxe deste tipo de asentamentos.
As empresas interesadas poden presentar as ofertas ata o 25 de agosto.

Deja un comentario