Wednesday 12 de August de 2026

As empresas de economía social teñen ata o 1 de outubro para solicitar axudas de ata 5.000 euros


O orzamento total da convocatoria ascende a 140.000 euros, 25.000 euros máis que o ano pasado, co obxectivo de contribuír á consolidación e o desenvolvemento do tecido empresarial no Concello

As empresas de economía social poden solicitar axudas de ata 5.000 euros ata o 1 de outubro

O Concello de Santiago abre mañá, 12 de agosto, o prazo de solicitude das Axudas a Empresas de Economía Social, que poderán pedirse ata o 1 de outubro.

O extracto das bases e a convocatoria publicouse no BOP deste martes 11 de agosto. As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e están destinadas á consolidación e o mantemento de pequenas e medianas empresas con forma xurídica de cooperativa, sociedade laboral, centro especial de emprego ou empresa de inserción.

Incremento do orzamento

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou no mes de xullo as bases e a convocatoria destas axudas, ás que a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, que dirixe María Rozas, destina un orzamento total de 140.000 euros, 25.000 euros máis que o ano pasado.

Así, o orzamento da convocatoria sobe dos 115.000 euros do ano pasado ata os 140.000 euros previstos este ano. As axudas serán dunha contía máxima de 5.000 euros por entidade beneficiaria.

O Concello de Santiago busca contribuír á consolidación e desenvolvemento do tecido empresarial no Concello apoiando a pequenas e medianas empresas de economía social mediante axudas ao gasto corrente no que incorren para desenvolver a súa actividade empresarial.

Deja un comentario