Monday 10 de August de 2026

Razo acollerá este sábado o I Torneo de Xadrez Eu quero Razo-Baldaio


A competición celebrarase na zona verde da explanada, será aberta a xogadores e xogadoras federados e non federados e contará cun máximo de 40 participantes

A programación Eu quero Razo-Baldaio incorpora este verán outra novidade: o I Torneo de Xadrez Eu quero Razo-Baldaio, que terá lugar o sábado 15 de agosto na zona verde da explanada de Razo.

O torneo, aberto a todas as persoas interesadas sen necesidade de estar federadas, disputarase mediante sistema suízo a sete roldas, cun ritmo de xogo de 10 minutos máis 3 segundos de incremento por xogada. As partidas non serán válidas para ELO.

A recepción e presentación das persoas participantes realizarase ás 16.15 horas, a primeira rolda comezará ás 16.30 horas e a clausura está prevista arredor das 20.00 horas.

A inscrición é gratuíta e poderá formalizarse ata o venres 14 de agosto, ou antes se se completa o aforo máximo de 40 participantes. As persoas interesadas poden anotarse a través do correo electrónico xadrezcarballo@gmail.com ou no teléfono 617 234 393.
A competición contará con premios para os tres primeiros postos da clasificación xeral, así como para as categorías de base e para xogadores e xogadoras locais. En concreto, recibirán trofeo os tres primeiros clasificados da xeral, o primeiro clasificado nas categorías sub-14 e sub-10 e tamén os mellores participantes locais nas categorías absoluta, sub-14 e sub-10.

Os emparellamentos realizaranse mediante programa informático e, nos aspectos técnicos, aplicaranse as leis da FIDE para xadrez rápido e o regulamento internacional naquilo que non estea recollido especificamente nas bases.

Con esta primeira edición, Eu quero Razo-Baldaio amplía a súa programación de verán cunha actividade deportiva e interxeracional nun espazo privilexiado da costa carballesa, sumando o xadrez ás propostas ambientais, divulgativas, culturais e de lecer que se desenvolven estes meses na contorna de Razo e Baldaio.

Deja un comentario