Monday 10 de August de 2026

Neda impulsa un plan de choque con alternativas a curto prazo para o subministro de auga potable


Ante a situación de seca que está a vivir Ferrolterra, e despois de que unha avaría eléctrica interrompera o bombeo de auga ao depósito municipal, deixando onte sen subministro a distintas zonas do municipio, o Concello de Neda reuníase de urxencia con Veolia para dar luz verde a un plan de choque, destinado a garantir a curto prazo o abastecemento en momentos como o actual, no que o Belelle se atopa baixo mínimos, á espera de que, a medio prazo, se materialicen as obras para aumentar a capacidade de almacenamento existente, coa rehabilitación do segundo depósito dos Pazos (en fase de licitación).

Así, de forma inmediata activarase unha segunda conexión directa con Narón, que permitirá que aumente o volume de auga que chega do municipio veciño. As tubaxes precisas instaláronse aproveitando a obra da glorieta de Xuvia. Ademais, darase un impulso á conexión coa traída de Fene a través de Gunduriz, unha intervención pendente de remates. En paralelo, recorrerase á camións cisterna para completar o enchido do depósito alto.

O Concello fai un chamamento á veciñanza para que reduza o consumo de auga ante a escaseza de reservas hidráulicas, evitando especialmente usos non esencias que contribúen a disparar o consumo durante a época estival (piscinas, baldeos…)

De persistir a seca, en Neda e no resto da comarca, serán obrigadas as restricións e, chegado o caso, a administración local e Veolia barallan habilitar un subministro de auga alternativo, con camións cisterna situados en distintas localizacións, así como unha distribución a domicilio, para a veciñanza que pola súa idade ou circunstancias, non puidera desprazarse ata ese puntos.

Deja un comentario