• A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a creación de tres novas vivendas, dúas delas mediante a transformación de locais comerciais
• A recuperación de estruturas paralizadas, a reutilización de inmobles existentes e os novos desenvolvementos públicos e privados anticipan un novo ciclo residencial no municipio
O mercado residencial de Carballo continúa dando sinais de reactivación. Á recuperación de edificios que permaneceron durante décadas inacabados e aos novos proxectos públicos e privados previstos para os próximos anos súmanse agora novas actuacións de menor escala que permiten incorporar vivenda ao mercado aproveitando tanto novos solares como inmobles xa existentes.
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión celebrada este luns tres novas vivendas: unha unifamiliar de nova construción na avenida dos Abetos e outras dúas que se crearán mediante a transformación de antigos locais comerciais situados nas rúas Perú e Camilo José Cela. A estes proxectos engádese a reforma e ampliación dunha casa existente en Cances Grande
Estes catro proxectos residenciais autorizados hoxe mobilizarán arredor de 460.000 euros de investimento, ao tempo que permitirán incorporar tres novas vivendas e mellorar outra xa existente. Especialmente significativo resulta o aproveitamento de baixos comerciais que pasarán a ter uso residencial, unha fórmula que permite incrementar a oferta de vivenda dentro da trama urbana consolidada sen necesidade de consumir novo solo.
Recuperación de edificios inacabados
Estas novas licenzas coinciden cunha tendencia que se vén facendo cada vez máis visible no ámbito urbano: a recuperación de edificios e estruturas que quedaron paralizados durante anteriores crises inmobiliarias.
Un dos exemplos máis singulares é o edificio do número 19 da rúa San Xoán Bautista, unha estrutura iniciada en 1980 e que permaneceu durante 46 anos sen rematar. A licenza concedida recentemente permitirá completar o inmoble cun investimento superior aos 700.000 euros e incorporar ao mercado 14 vivendas, 9 prazas de garaxe e 14 rochos.
Tamén no mes de maio se autorizou o remate doutro bloque residencial na rúa Enrique Labarta Pose, neste caso cun investimento de arredor de 1,4 millóns de euros, que permitirá crear 19 vivendas, 20 garaxes e 21 rochos. Actuacións semellantes están en marcha noutros puntos da vila, como as rúas Vila de Caión, Sol ou Cuba.
O fenómeno permite recuperar tanto edificios que quedaron a medio construír durante a crise inmobiliaria de finais dos anos setenta e principios dos oitenta como estruturas procedentes do estoupido da burbulla inmobiliaria de 2008. Fronte ao modelo expansivo de décadas anteriores, esta nova etapa está permitindo encher baleiros urbanos, recuperar estruturas abandonadas e aproveitar mellor a trama urbana xa construída.
O Rego da Balsa, novo polo residencial
O exemplo de maior dimensión desta transformación sitúase no ámbito do Rego da Balsa, onde nos próximos anos confluirán diferentes iniciativas públicas e privadas.
Os novos propietarios do complexo Costa Nariga, coñecido popularmente como Riotorto, iniciaron recentemente os trámites para reactivar a súa licenza de obra e culminar un proxecto que prevé 67 vivendas e que permanece paralizado desde a anterior crise inmobiliaria.
No mesmo ámbito está prevista a promoción de 75 vivendas públicas por parte da Xunta de Galicia nunha parcela cedida gratuitamente polo Concello de Carballo. A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia presentou no mes de maio a solicitude de conformidade coa ordenación urbanística, trámite previo para poder avanzar na execución do proxecto.
A estas iniciativas sumarase unha nova actuación estatal. O Consello de Ministros incluíu Carballo entre os 22 proxectos que desenvolverá a empresa pública Casa 47, antiga SEPES, dentro das políticas destinadas a incrementar o parque de vivenda asequible.
Ao outro lado da avenida Ponte da Pedra tamén avanza a construción dunha promoción privada de 46 vivendas, practicamente esgotadas xa durante a fase de preventa, mentres que no solar contiguo xa se anuncia unha futura promoción, aínda sen tramitación urbanística iniciada.
Vinte anos despois do máximo inmobiliario de 2006, cando se chegaron a solicitar licenzas para 1.138 vivendas nun único ano, Carballo afronta un escenario moi diferente: máis centrado na rexeneración urbana, na recuperación do patrimonio construído e na creación de vivenda dentro dunha cidade máis compacta e cohesionada.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.