Monday 10 de August de 2026

A festa do barro despide unha exitosa XXXII edición de Alfaroleiros


Despois de 5 días de intensa actividade, Alfaroleiros baixou o pano da súa trixésimo segunda edición deixando tras de si o Parque Luís Seoane cheo de vida, milleiros de persoas visitantes e centos de pezas de barro que atoparon un novo fogar. A festa do barro volveu demostrar que continúa sendo unha das citas culturais e artesanais máis importantes do verán de Galicia e un referente para a olería tradicional de toda a Península.

Durante a feira, 23 oleiros e oleiras procedentes de diferentes puntos de España e Portugal ofreceron ao público pezas únicas elaboradas de maneira artesanal, desde obxectos de uso cotián ata creacións decorativas e de autor. O número de vendas foi moi elevado, contribuíndo de forma decisiva ao mantemento dun oficio tradicional que o Concello leva máis de tres décadas apoiando de maneira continuada.

Pero Alfaroleiros é moito máis ca unha feira de artesanía. A súa programación paralela, con concertos, espectáculos, demostracións de olería, obradoiros e actividades para todas as idades, fixo de Santa Cruz un espazo de encontro no que veciñanza e visitantes compartiron cultura, tradición e lecer nun ambiente acolledor para toda a cidadanía.

A feira volveu ter tamén un importante impacto turístico e económico para o municipio, atraendo visitantes de numerosos puntos de Galicia e doutras comunidades, que aproveitaron a súa estancia para descubrir a gastronomía, o comercio e o patrimonio de Oleiros. Trinta e dous anos despois da súa primeira edición, Alfaroleiros continúa medrando sen renunciar á súa esencia: preservar a olería tradicional, apoiar aos seus artesáns e facer do barro un elemento vivo da nosa identidade cultural.

Deja un comentario