Centos de persoas presenciaron o acto, entre eles o alcalde de Ordes, o xefe territorial de Educación e o inspector de zona de Educación
Despois de meses de traballo os alumnos e alumnas de terceiro de ESO do IES Maruxa Mallo levaron a cabo esta mañá o lanzamento da súa primeira sonda estratosférica. Tal e como estaba previsto o globo de helio de grandes dimensións superou os 30.000 metros de altura. Unha viaxe cunha duración de pouco máis de dúas horas e cuxo lugar de aterrizaxe foi un punto entre Forcarei e A Estrada. Ata alí se desprazaron varios membros do equipo para recoller a sonda, a cal locarizaron grazas ao GPS que lle incorporaron.
Como pista de lanzamento empregouse un dos campos de fútbol do instituto. Alí agardaban xa centos de asistentes entre estudantes, profesorado e cadro directivo. Tampouco perderon o lanzamento José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes; Susana García, concelleira de Educación do Concello de Ordes; Indalecio Cabana, xefe territorial de Educación na Coruña e Félix Perujo de Llano, inspector de zona.
‘Marumasat. Cos pés no chan e os ollos nas estrelas’ é o primeiro proxecto educativo-científico destas características levado a cabo pola comunidade educativa da comarca. Recolleranse datos científicos para o estudo da atmosfera, entre outros aspectos.
“Nunca un poeta galego subiu tan alto”, comentaba entre risas un dos profesores de literatura galega en alusión á fotografía de Manuel María Fernández Teixeiro, homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas, a cal colgaba da sonda.
Ademais da campaña de captación de fondos entre o comercio e empresas locais, no proxecto tamén colaboraron o Concello de Ordes e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.