Monday 10 de August de 2026

Fene renderá homenaxe a Moncho Reboiras no 50º aniversario do seu asasinato pola ditadura franquista


O acto celebrarase este martes 11 de agosto ás 13h, coa inauguración dun monolito no Paseo Marítimo de San Valentín

A homenaxe está organizada polo Concello de Fene xunto co Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Terra e Tempo, a Fundación Galiza Sempre, a CIG e a Comisión Organizadora do 50 aniversario

O Concello de Fene celebrará este martes, 11 de agosto, ás 13.00 horas, un acto institucional de homenaxe a Xosé Ramón “Moncho” Reboiras Noia, coincidindo coa conmemoración do 50° aniversario do seu asasinato a mans da ditadura franquista.

O acto consistirá na inauguración dun monólito dedicado á súa memoria, situado no Paseo Marítimo de San Valentín, e está organizado polo Concello de Fene en colaboración coa Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Terra e Tempo, a Fundación Galiza Sempre, a CIG e a Comisión Organizadora do 50 aniversario.

Moncho Reboiras está considerado unha das figuras máis relevantes do nacionalismo galego contemporáneo e do movemento obreiro en Galiza. Entre outras responsabilidades, foi impulsor da Fronte Obreira da UPG e participou na creación das primeiras estruturas organizativas do sindicalismo nacionalista galego, un proceso que anos despois daría lugar ao nacemento da Confederación Intersindical Galega.

Na madrugada do 12 de agosto de 1975, Reboiras foi abatido por axentes da ditadura franquista en Ferrol durante un amplo operativo policial. A súa morte converteuno nun símbolo da loita polas liberdades democráticas, polos dereitos da clase traballadora e pola defensa da identidade nacional de Galiza.

Coa instalación deste monolito, o Concello de Fene súmase ás iniciativas promovidas con motivo deste aniversario, contribuíndo a preservar a memoria dunha figura fundamental da historia política e social do país.

Desde a organización convídase á veciñanza a participar neste acto de lembranza e recoñecemento, aberto ao conxunto da cidadanía.

Deja un comentario