Monday 10 de August de 2026

O PSdeG denuncia que Sanmartín atrasa ata o final do mandato as primeiras vivendas municipais de alugueiro


Marta Abal critica que as obras da Caramoniña non vaian comezar ata 2027 e considera “unha resposta pírrica” que, en plena emerxencia habitacional, o Goberno municipal limite a súa actuación a apenas nove vivendas.

A concelleira socialista reclama un “pulo decisivo” á mobilización da vivenda baleira e alerta de que os atrasos nas actuacións financiadas polo Plan EDIL fan que Compostela corra “un serio risco de perder cartos” europeos.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou que o anuncio de que as obras da Caramoniña non comezarán ata 2027 confirma “unha vez máis” que o Goberno de Goretti Sanmartín “actúa tarde e con pouca eficacia” ante un dos principais problemas que afronta Santiago.

Abal advertiu de que “Compostela vive unha emerxencia habitacional” e considerou que a resposta do executivo local “está moi lonxe do que a cidade precisa”. Neste sentido, lembrou que xa en 2024 o Goberno anunciara “a compra dun inmoble en Mazarelos para destinalo a vivenda pública en alugueiro”, unha operación que “nunca chegou a materializarse”, mentres agora se confirma que as primeiras vivendas municipais de alugueiro non estarán dispoñibles ata o remate do mandato.

A concelleira socialista incidiu ademais na escasa dimensión da actuación prevista na Caramoniña. “Falamos de apenas nove vivendas”, sinalou Abal, que cualificou esta previsión como “unha resposta pírrica para a dimensión do problema” nunha cidade na que o acceso á vivenda se converteu nunha das principais preocupacións da veciñanza.

Fronte aos atrasos na promoción directa de vivenda municipal, Abal reclamou tamén avanzar noutras medidas que permitan ampliar a oferta de alugueiro. A edil advertiu de que “nada se move na mobilización de vivenda baleira” e lembrou que o seu censo “aínda está sen rematar”, polo que, aínda recoñecendo “a complexidade da súa elaboración”, considera que debería ser “obxecto dun pulo decisivo”.

Os socialistas puxeron tamén o foco no financiamento das vivendas da Caramoniña, que procede de fondos europeos do Plan EDIL. Abal lembrou que esta é “unha das actuacións que debería estar máis avanzada” dentro do Plan Horizonte Santiago presentado polo propio Goberno municipal para obter ese financiamento, e advertiu das consecuencias que pode ter a falta de capacidade para executar os proxectos nos prazos previstos.

Neste sentido, a concelleira socialista alertou de que “os continuos atrasos na súa execución” fan que Compostela corra “un serio risco de perder cartos destinados a proxectos transformadores para a cidade”, polo que reclamou ao Goberno local que acelere a xestión das actuacións vinculadas aos fondos europeos.

Por todo isto, desde o Grupo Municipal Socialista esixen ao Goberno de Sanmartín “máis axilidade, menos cosmética” e que poña “o foco en solucións reais e eficaces” ante o que Abal definiu como “o principal problema que hoxe teñen moitos veciños e veciñas de Santiago: o acceso á vivenda”.

Deja un comentario