Friday 22 de November de 2024

Fin de semana deportivo en Sigüeiro: II Torneo de Ximnasia Concello de Oroso, III Ruta da Troita e IV Torneo ED Xuventude Oroso


Fin de semana deportivo no concello de Oroso, con tres campionatos organizados por outras tantas entidades: o Club de Ximnasia Oroso, o Clube Ciclista Tambre Bike e a Escola Deportiva Xuventude Oroso. Tres eventos que reunirán a centos de deportistas e afeccionados no municipio.

Cronolóxicamente, o primeiro evento será o II Torneo de Ximasia Concello de Oroso, que terá lugar mañá sábado 14 de maio no Pavillón Juanito Amigo de Sigüeiro entre as 10:40 e as 20:00 horas. Este campionato de ximnasia rítmica reunirá a centos de nenos e nenas das categorías baby, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e senior, distribuidos de acordo ao seu nivel de coñecementos. A entrada é totalmente de libre e de balde.

Organizado polo Club de Ximnasia Oroso, o campionato conta coa colaboración do Concello de Oroso, Autoservizos Familia, Daexga Montajes Efímeros, C.D. Rítmica Compostela, Russé, Equip@t, Sigü Café, Xulián Floristería e Juan Carlos Rodríguez.

III Ruta da Troita

Para o domingo 15 de maio queda a III Marcha BTT da Troita “Ruta dos Regos”, organizada polo Clube Ciclista Tambre Bike en colaboración co Concello de Oroso e a Deputación da Coruña. Unha ruta BTT non competitiva, de 45 quilómetros de extensión e na que tomarán parte máis de douscentos ciclistas. A proba, de dificultade media tanto física como técnica, sairá do pavillón Juanito Amigo de Sigüeiro ás 9:30 horas, entregándose os dorsais media hora antes.

A ruta discorre tan só por 3,5 quilómetros de asfalto, mentres que o resto vai por camiños e corredoiras que os membros do Tambre Bike se dedicaron a acondicionar durante as últimas semanas. Unha proba cun desnivel positivo acumulado duns 800 metros e cunha cota máxima de 370 metros de altitude, correpondente ao punto máis alto da ruta: o Monte dos Curros, na Lobeira Alta.

IV Torneo ED Xuventude Oroso

Finalmente, este domingo 15 e este martes 17 de maio disputarase o IV Torneo ED Xuventude Oroso, que terá lugar no campo Lino Balado de Sigüeiro. O domingo 15 competirán as categorías Prebenxamín e Benxamín, con 12 equipos participantes en cada unha delas. O martes día 17 competirán as categorías Biberón, con 6 equipos participantes, e Alevín, onde participarán 17 equipos.

No torneo tomarán parte equipos de diferentes puntos da xeografía galega, destacando entre outros o CD conxo, EF Lalín, SD Compostela, San Tirso SD, Once Caballeros CF, SDC Arrabaldo, Ural CF, ou o RC Celta. Os partidos desenvolveranse entre as 09:00 e as 20:30 horas. O torneo está organizado pola ED Xuventude Oroso, en colaboración co Concello de Oroso, Integral Motion Automoción e Rafra Asesoría.