A sesión extraordinaria celebrase o xoves 13. Con eses fondos reforzaríanse partidas orzamentarias e executaríanse proxectos financeiramente sostibles.
A Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas celebrou hoxe a reunión previa ao Pleno extraordinario que se convocará para o vindeiro xoves 13 de agosto, no que se someterá á consideración da Corporación unha nova proposta de aprobación dun suplemento de crédito por importe de 914.074,40 euros a financiar con cargo ao remanente de tesourería.
A proposta ten como finalidade reforzar diversas aplicacións do orzamento municipal ante a previsión de maiores necesidades de crédito durante o exercicio. Afecta a partidas vinculadas a áreas como instalacións deportivas, xestión do patrimonio, administración xeral, alumeado público, estradas e parques e xardíns.
A incorporación destes recursos posibilitaría avanzar na mellora das infraestruturas e equipamentos municipais, así como na optimización dos servizos municipais aproveitando os recursos económicos dispoñibles para atender actuacións necesarias e mellorar as prestacións á veciñanza.
Entre outros destinos deses fondos, o suplemento de crédito permitiría levar a cabo novas actuacións, entre as que se inclúen a reforma da cuberta e das bancadas do pavillón polideportivo de Paiosaco, a rehabilitación do Centro Sociocultural do Rapadoiro (parroquia de Coiro) e diversas melloras na iluminación pública, contemplando nalgúns puntos de luz a substitución das actuais lámpadas por novas luminarias LED máis eficientes.
Ademais, para o vindeiro luns está convocada a Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno na que se abordará a proposta de adhesión do Concello á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde (SNS). Esta iniciativa, recollida na Guía para a implementación local da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no SNS, ten como obxectivo impulsar desde o ámbito municipal actuacións destinadas á promoción da saúde e á prevención das enfermidades, lesións e discapacidade, mediante intervencións baseadas na evidencia científica e identificadas como boas prácticas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.