O Festival C continúa a vindeira semana cunha programación que pon o foco nos procesos de creación e na participación. Entre o 10 e o 14 de agosto, a Casa das Máquinas converterase nun espazo de investigación e experimentación artística grazas ao Laboratorio RPM Prácticas en construción, unha iniciativa do Colectivo RPM en colaboración con Compostela Cultura que nesta edición estará conducida pola creadora granadina Amalia Fernández.
Durante cinco días, vinte artistas do ámbito das artes performativas participarán nun laboratorio intensivo arredor da peza En construción (2014), unha das obras máis representativas de Fernández. A proposta convida as persoas participantes a desenvolver unha versión colectiva propia da peza, explorando o corpo, o movemento e a construción escénica desde unha perspectiva colaborativa.
Nesta edición, o laboratorio reunirá a Aisa Pérez, Alexis Fernández, Ana Geranios, Andrea Quintana, Antón López Yanguas, Caterina Varela, Félix Fernández, Fran Martínez, Ismael Eirexas Romeü, Lorena Barrán, María Alkayali, Martín Gonçalves, Miguel Ángel Fernández, Nelu Vertmouth, Noa García Amados, Noel Quintela, Paula Vilas Eiroa, Raúl Manero Diez, Rie Okada e Vera Ortega Villanueva, que revisarán en colectivo o universo artístico da creadora andaluza.
En construción propón asistir ao levantamento dunha escena ante o público e ao seu posterior despregamento, convertendo esa escena inicial nun punto de partida para transitar entre o teatro e a coreografía, entre o convencional e o experimental. Máis que unha peza cun final pechado, é un proxecto en permanente evolución que se reescribe, se transforma e se reconstrúe en cada nova experiencia compartida, facendo do propio proceso creativo o verdadeiro centro da experiencia escénica.
O resultado poderá verse o venres 14 de agosto, ás 20.00 horas, na Casa das Máquinas, coa presentación aberta ao público desta revisión en colectivo da peza En construción, que pechará unha semana de intercambio, aprendizaxe e experimentación escénica.
A programación da semana completarase o martes 11 de agosto, ás 18.00 horas, cunha nova sesión de Contos no Parque, promovida polo programa Apego. Os arcos do parque de Bonaval acollerán Umami, de Pérez & Fernández, un espectáculo de narración oral para público familiar a partir de catro anos que, a través do humor, a palabra e a participación, convida a descubrir historias cheas de sabor e imaxinación.
O Festival C, organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura e co apoio da Deputación da Coruña, continuará durante todo o mes de agosto cunha programación gratuíta que reúne preto de trinta actividades de circo, danza, música, poesía, cinema e propostas familiares en diferentes espazos da cidade.
A información ao detalle de todos os eventos que conforman esta edición está dispoñible na web compostelacultura.gal. Os cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.