O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira participou unha vez máis nas concentracións convocadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e pola veciñanza de Aguiño para reclamar unha atención sanitaria digna e a dotación do persoal necesario no centro de saúde da parroquia.
O BNG faise eco das demandas da veciñanza e da Plataforma e denuncia que a situación sanitaria está moi deteriorada durante o verán pola falta de cobertura das baixas e das vacacións do persoal médico, unha decisión que, o Partido Popular a través da Consellería de Sanidade, está a provocar un incremento das listas de espera e un empeoramento da atención tanto en Aguiño como en Ribeira.
Na actualidade, o centro de saúde de Aguiño segue sen contar cunha das dúas profesionais sanitarias a tempo completo que precisa para prestar un servizo axeitado á poboación. A esta situación súmase que a Xunta non está cubrindo varios profesionais no centro de saúde de Ribeira, obrigando aos profesionais restantes a asumir unha carga asistencial cada vez maior e provocando demoras insostibles nas que hai pacientes que non poden acudir ao médico.
O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, considera “inadmisible” que en pleno verán, cando a poboación aumenta, o Partido Popular recorte a atención sanitaria ao non cubrir nin as baixas nin as vacacións do persoal. Esta política tradúcese en máis demora para conseguir unha cita, no mellor dos casos, e nunha peor asistencia para toda a veciñanza”.
Pérez Barral lembrou que esta non é unha situación puntual, senón o resultado dunha política sostida de recortes da sanidade pública. “Levamos moito tempo vendo como a veciñanza se mobiliza mes tras mes para defender un dereito básico. Lonxe de ofrecer solucións, a Consellería de Sanidade continúa facendo oídos xordos ás reivindicacións da veciñanza e dos profesionais”, sinalou.
O portavoz nacionalista tamén recriminou a actitude do goberno local. “É inaudito que, despois de tantos meses de mobilizacións, teñamos unha alcaldesa incapaz de reclamar con firmeza os dereitos da poboación. María Sampedro prefire non incomodar aos seus xefes do Partido Popular antes que defender o dereito da veciñanza a unha sanidade pública de calidade”, manifestou.
O BNG reclama á Consellería de Sanidade a cobertura inmediata de todas as baixas e vacacións, a incorporación de todos os profesionais sanitarios necesarios tanto en Aguiño como en Ribeira para garantir unha atención sanitaria digna, reducir as listas de espera e ofrecer un servizo acorde ás necesidades dunha poboación que, especialmente durante os meses de verán, experimenta un importante incremento.
Desde o Bloque Nacionalista Galego reiteran que continuarán apoiando todas as mobilizacións veciñais en defensa da sanidade pública ata que a Xunta dea resposta ás demandas e garanta unha asistencia sanitaria de calidade para toda a veciñanza.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.