Os 20 municipios das provincias de A Coruña, Lugo y Pontevedra lanzan a iniciativa que aposta pola natureza como reclamo turístico e reivindican a implicación doutras administracións
Os 20 concellos bañados polo río Ulla presentaron hoxe un ano máis o programa ‘Goza do Ulla’, unha iniciativa turística que xa vai pola súa sexta edición e que pretende dar a coñecer e promocionar o rico e valioso patrimonio natural e tamén cultural dos territorios á beira do Ulla. A presentación oficial foi hoxe no Centro de Interpretación das Torres do Oeste en Catoira. Haberá unha ruta ou incluso duas cada fin de semana en cada un dos 20 concellos que integran o proxecto. O programa, dende o nacemento ata a desembocadura será a seguinte: Palas de Rei (25 de setembro a Ruta das Torrentes), Monterroso (31 de xullo a Ruta da Feira dos Bicos), Antas de Ulla ( 5 de xuño, Ulloando polo nacemento), Agolada (13 de agosto a Canle de Ramil-A contorna do Ulla), Santiso (8 de outubro o Roteiro de Visantoña), Arzúa (24 de setembro a Ruta da Fervenza das Hortas), Vila de Cruces e Silleda (23 de outubro o Roteiro Cira-Gres) , Touro (2 de outubro o Encontro do Lañas co Ulla e variante circular), Boqueixón (26 de xuño o Roteiro de Pescadores e Río Grande), Vedra (30 de xullo o Pazo de Santa Cruz de Ribadulla-San Xoán da Cova), A Estrada (18 de setembro os Sons do Ulla), Teo (17 de setembro Ás Beiras do Ulla), Padrón (1 de outubro os Segredos do Ulla-Sar), Pontecesures (4 de setembro Ollando o Ullán), Valga (11 de xuño Pola Beira do Ulla), Dodro (15 de outubro o Roteiro circular As Brañas de Laíño), Catoira (11 de setembro a Ruta de Oeste), Rianxo (9 de xullo a Cunca d’ouro) e Vilagarcía de Arousa (19 de xuño a Cortegada polos Lombos do Ulla).
O alcalde de Catoira, Alberto García, exerceu de anfitrión. No seu concello recibiu hoxe aos representantes dos outros 19 concellos que conforman esta iniciativa. Destacou que o programa que cumple a sexta edición é xa un “éxito”. Lembrou que este ano súmase Vilagarcía de Arousa, un concello que “presume de mar pero que tamén pode presumir de río”. Neste concello ubícanse os Lombos do Ulla, unha excepcional zona de marisqueo. Alberto García propuso incorporar ao programa unha ruta marítima en barco vikingo polo seu concello. “Poderíase ofrecer esta posibilidade”, dixo. E tamén propuso ofrecer en Catoira un itinerario literario. Esta opción, de promocionar a cultura dos concellos nestes roteiros, tamén foi aplaudida por outros concellos. Quedou claro que ‘Goza do Ulla’ serve para atraer visitantes aos concellos e para ofrecerlles ás súas riquezas naturais e culturais. “Trátase de que coñezan o que temos, e que queden satisfeitos para que vaia de boca en boca”, apuntaron os presentes.
Ignacio Codesido, alcalde de Touro, un dos concellos impulsores deste proxecto, destacou que o programa debe servir para que cada concello promocione as súas potencialidades turísticas. E engadiu o exemplo de Touro: “Moitos dos sendeiristas que se achegan a Touro no outono recollen cogumelos porque saben da riqueza dos nosos bosques”.
Os xornalistas presentes na rolda de prensa convocada hoxe en Catoira interesáronse pola xente que acude ás rutas. “Cada vez son máis sendeiristas”, apuntaron alguns dos representantes dos concellos. No inicio do programa acudían medio centenar de sendeiristas e hoxe hai rutas nas que participan máis de 200 persoas. “A metade desas persoas quedan a comer no concello e tratamos de ofrecerlles atividades para que tamén queden pola tarde e incluso a dormir nos establecementos do noso concello”, aputaron hoxe os organizadores.
Co traballo dos 20 concellos e sen apenas custo promóvese un proxecto que pon en valor o territorio, vinculando municipios, bisbarras e provincias por riba dos intereses localistas ou partidistas. Neste senso, os representantes dos concellos presentes hoxe en Catoira reclamaron a implicación das outras administracións para promocionar esta iniciativa que cada ano vai a máis. O alcalde de Touro destacou a dificultade de articular apoio para unha iniciativa con concellos ubicados en tres provincias. Pero a intención é buscar novos apoios institucionais para un proxecto que pon en valor todo un territorio bañado polo río Ulla, o segundo en relevancia de Galicia despois do Miño. Ignacio Codesido tamén falou da importancia de que sexan o propios concellos os que promovan esta iniciativa.