Monday 10 de August de 2026

O Concello ingresa 1.759.452,71 euros a través do imposto ás estadías turísticas desde a súa entrada en vigor


A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, presentou a marca coa que se identifican os proxectos, actividades e eventos que se financian con cargo á recadación do imposto ás estadías turísticas, coa que xa se identificaron os Xogos do Eixo Atlántico ou o videomapping na praza do Obradoiro nas Festas do Apóstolo.

Míriam Louzao informou que, desde a entrada en vigor, da recarga municipal ao imposto ás estadías turísticas, o Concello ingresou por este concepto 1.759.452,71 euros. No primeiro período, que abrangue entre a data de entrada en vigor, o 1 de outubro, e o 31 de decembro, recadouse un total de 617.636,25 euros, mentres que no primeiro semestre deste ano 2026, entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño, recadouse un total de 1.141.816,46 euros.

“En 9 meses, e tendo en conta que faltarían 3 dos meses máis potentes en estadías e que este ano no mes de maio tivemos pechado o aeroporto Rosalía de Castro, acadamos case os 2 millóns de euros, unha cifra que nos vai dando unha idea xa máis apegada á realidade de como este imposto pode repercutir nas arcas municipais” asegurou a concelleira de Turismo.

Míriam Louzao fixo públicas estas cifras no marco da presentación da marca coa que o Concello está identificando as actividades, eventos e proxectos que se financian co recadado a través do imposto ás estadías turísticas.

Trátase dunha imaxe que encaixa o texto “financiado co imposto ás estadías turísticas” na forma dunha maleta que, en palabras da edil “ un elemento que se asocia tanto coa idea de viaxe como coa idea de estadía ou pernocta e, polo tanto, coa idea de estadía turística”.

Esta marca xa se incluíu en programas como os Xogos do Eixo Atlántico, tanto na cartelería como nos materiais promocionais que se entregaron ás persoas participantes, no videomapping no Obradoiro durante as Festas do Apóstolo que ao final proxectaba o logo oficial do Concello de Santiago xunto coa marca “financiado co imposto ás estadías turísticas”, así como noutras actividades, máis pequenas, como Sabor a Novo que tivo lugar no pazo de San Lourenzo. A este respecto, Míriam Louzao sinalou que “foron propostas que se celebraron no mes de xullo co obxectivo de ter unha maior oferta para quen nos visita e así reforzar as estadías dese mes, que o sector sempre dicía que tiña unha leve caída, e tamén pensadas para mellorar a vida das persoas que viven en Compostela, que puideron gozar de todos estes eventos. Por tanto, cumprindo coa nosa premisa de que o que bo para quen vive aquí, tamén é bo para quen nos visita”.

Tamén informou que ao estar nun momento de implantación, sen contabilizar aínda o ano natural na recadación do imposto, o destino da mencionada recadación se está realizando dun xeito excepcional mais que a partir de agora xa se dará conta no marco do Foro de Turismo Sustentable.

Neste sentido indicou que tras a constitución do Foro a finais do mes de xullo, “no vindeiro mes de setembro convocaremos a Comisión Permanente onde daremos conta, entre outras cuestións, dos programas e actuacións que se realizaron ou realizarán con cargo á recadación do imposto ás estadías e tamén do traballo que se está a facer desde Turismo de Santiago para mellorar a conectividade aérea do Rosalía de Castro, que son dúas das cuestións máis relevantes neste momento”.

Estadías primeiro semestre

A concelleira tamén fixo balance dos datos oficiais do INE en relación ás estadías do primeiro semestre do ano, asegurando que “os datos deste primeiro semestre sitúan Santiago de Compostela nuns parámetros que manteñen a nosa posición como un destino consolidado, maduro, e que se move nun número de estadías moi relevante, incluso a pesar da baixa que experimentamos neste primeiro semestre e cuxas causas están perfectamente identificadas e ademais eran previsibles, como o peche do aeroporto por mor da obras na pista e a estratexia comercial de Raynair que penalizou o noso aeroporto”.

Segundo os datos oficiais, Santiago de Compostela segue sendo a principal cidade galega en número de estadías, cun total de 591.529 nos primeiros seis meses. Así, Santiago foi o principal destino urbano galego con 84.000 estadías máis que A Coruña, e 213.000 máis que Vigo, e cunha relevancia moi superior ás outras dúas cidades en turismo internacional.

Tamén indicou que, tras a apertura do aeroporto, os datos do mes de xuño xa amosan unha estabilización con cifras máis similares aos do ano anterior (96.477 estadías, o que supón unha baixada do 2,94% con respecto a 2025) polo que Míriam Louzao manifestou a súa confianza en que “nestes meses de verán vexamos unha estabilización porque estamos nun novo escenario, coa chegada de novas rutas e compañías, que están compensando a marcha de Ryanair e abrindo novas oportunidades para reenfocar o mercado turístico de Compostela”.

Deja un comentario