Monday 10 de August de 2026

O PSdeG reclama a Xunta e ao Concello que deixen os reproches e desbloqueen a ampliación do CEIP Quiroga Palacios


Gumersindo Guinarte advirte de que a comunidade educativa leva anos agardando mentres as administracións continúan cruzando acusacións sen ofrecer solucións.

O voceiro socialista esixe diálogo institucional e responsabilidade para responder ás necesidades dun centro que segue sen infraestruturas básicas.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, reclamou hoxe á Xunta de Galicia e ao Concello de Santiago que abandonen o cruzamento de acusacións sobre a ampliación do CEIP Quiroga Palacios e se senten a dialogar para desbloquear un proxecto que a comunidade educativa leva anos reclamando.
Guinarte lamentou que “estes días estamos a asistir a un cruzamento de acusacións” entre ambas administracións mentres “a realidade é que a comunidade educativa continúa agardando por unha solución” ás necesidades do centro, que segue sen contar con infraestruturas básicas como un patio semicuberto para primaria, un ximnasio, unha aula de usos múltiples ou espazos adecuados para o apoio ao alumnado con necesidades especiais.
O voceiro socialista advertiu de que “esta dinámica de reproches públicos non resolve nada” e insistiu en que o debate non pode centrarse en “quen ten a culpa ou quen ten máis culpa”, senón en ofrecer unha resposta á comunidade educativa. Nese sentido, subliñou que “as familias non necesitan máis titulares” e reclamou que Xunta e Concello “falen directamente, aclaren as súas discrepancias e desbloqueen canto antes” unha ampliación que dea resposta ao conxunto das necesidades do centro.
Guinarte asegurou que “esiximos responsabilidade, diálogo institucional e vontade real de acordo”, porque considera que chegou o momento de substituír “menos acusacións nos medios de comunicación e máis traballo conxunto” entre ambas administracións para resolver un problema que leva demasiado tempo sen resposta.
O voceiro socialista trasladou tamén a solidariedade do Grupo Municipal Socialista coa comunidade educativa do CEIP Quiroga Palacios e reiterou o apoio ás súas reivindicacións. “Manifestamos a nosa solidariedade cos pais e nais, co alumnado e co profesorado”, afirmou, lembrando que son demandas que “levan moito tempo plantexando” e que “xa non poden esperar máis”.

Deja un comentario