Sunday 24 de November de 2024

O Concello saca a concurso a modernización da iluminación pública do paseo marítimo


 

O Goberno inviste 1,3 millóns de euros nesta nova iniciativa, que ten un prazo de execución de 4 meses
O Concello licita a modernización da iluminación do paseo marítimo, á altura das praias de Riazor e Orzán, dentro do seu plan de mellora de espazos públicos e da imaxe da cidade. O proxecto conta cun presuposto de 1.319.470 euros e un período máximo de execución de 4 meses.
O anuncio deste novo concurso publicouse, mediante procedemento aberto, no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta obra de modernización de espazos públicos da cidade que programou a Concellaría de Infraestruturas aprobouse na última Xunta de Goberno Local e permitirá a mellora eficiente da iluminación no paseo marítimo e o seu ámbito no tramo entre As Lagoas e San Roque. O prazo para presentar propostas é de 26 días naturais contados a partir de mañá e a documentación do proxecto pódese consultar no perfil do contratante da páxina web municipal (www.coruna.es).

O novo proxecto da Concellaría de Infraestruturas recolle unha serie de vantaxes que tamén permitirán mellorar a imaxe deste punto emblemático da cidade polo que transitan a diario miles de peóns e condutores:
. Modernización da iluminación grazas á colocación de luminarias altamente eficientes de tecnoloxía LED e que substituirán ás que existen actualmente e que se encontran obsoletas. En concreto, substituirase e mellorará a eficiencia de 442 puntos de luz e instalaranse 16 novas columnas metálicas.
. O uso de tecnoloxía de última xeración supoñerá unha redución do gasto enerxético, así como un aumento da vida útil dos equipos e un aforro do investimento necesario en tarefas de mantemento e reposición. Ademais, colocaranse cinco novos centros de mando que velarán polo correcto funcionamento do servizo (un sistema de control remoto informará puntualmente do estado da rede de iluminación do paseo).
. Incremento da seguridade viaria, pois o proxecto inclúe a instalación de iluminación non soa no paseo marítimo e na zona das praias de Riazor e Orzán, senón tamén no sistema viario, as rotondas e no carril bici, ademais de reforzar a iluminación da coiraza das Escravas e o embarcadoiro de San Roque.

O proxecto non só complementa todos os traballos recollidos no concurso de ideas para a reordenación do bordo litoral da cidade, senón que ademais se enmarca dentro da aposta do actual equipo de goberno polo plan de mellora e modernización da rede de iluminación pública. Así, no presuposto deste ano, a área de Infraestructuras dispón de máis de 6 millóns de euros para alcanzar unha maior eficiencia enerxética e para continuar co plan municipal de remodelación da iluminación. O novo proxecto do paseo marítimo se suma a outras intervencións xa executadas en 2014 en materia de iluminación pública noutros puntos da cidade, como Os Rosales, a avenida de Rubine e a praza de Casares Quiroga, ou nos parques da Torre, Carlos Casares e Bens.