Monday 10 de August de 2026

A unidade móbil de doazón de sangue estará en Carballo os días 6, 7 e 8 de agosto dentro da campaña especial de verán


ADOS e o Concello de Carballo fan un chamamento á cidadanía para manter as reservas dos hospitais galegos durante o período vacacional

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), en colaboración co Concello de Carballo, mobilizará a súa unidade móbil de doazón á localidade os vindeiros xoves 6, venres 7 e sábado 8 de agosto. A iniciativa forma parte da campaña especial Este verán doa sangue. Un alento de vida, que ten como obxectivo sensibilizar á poboación e manter un nivel óptimo de reservas sanguíneas nos hospitais galegos durante os meses estivais.

O verán é habitualmente a época do ano na que máis difícil resulta acadar as doazóns necesarias debido aos desprazamentos por vacacións e ao cambio de rutinas. Non obstante, a actividade hospitalaria non se detén: os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns diarias para atender arredor de 2.800 urxencias, máis de 800 intervencións cirúrxicas e máis de 1.600 atencións en hospitais de día cada xornada.

Doa sangue en Carballo!
A unidade móbil estará situada na Praza do Concello de Carballo co seguinte horario de atención:
• Xoves, 6 de agosto: de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 21:00 h.
• Venres, 7 de agosto: de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 21:00 h.
• Sábado, 8 de agosto: de 10:00 a 15:00 h.

Cada doazón de sangue permite obter tres compoñentes fundamentais (glóbulos vermellos, plasma e plaquetas) que poden axudar a mellorar a saúde ou salvar a vida de ata tres enfermos. En total, prevese que nos meses de verán se atendan en Galicia a máis de 6.500 pacientes que requiren tratamentos con compoñentes sanguíneos.

Recomendacións para as persoas doadoras
• Requisitos: ter entre 18 e 70 anos, pesar máis de 50 kg e gozar de boa saúde.
• Documentación: é imprescindible levar o DNI, a tarxeta de doador ou un documento oficial acreditativo.
• Alimentación e hidratación: non acudir en xaxún. Podes doar despois de almorzar ou, se é despois de xantar, agardar 2 horas. Recoméndase beber líquidos abundantes (auga ou refrescos) antes de doar.

Tanto dende ADOS coma dende o Concello de Carballo faise unha chamada ao tecido asociativo, deportivo e veciñal para difundir a iniciativa e sumar esforzos nesta cita solidaria.

Deja un comentario