A través dun concurso que inclúe o mantemento do material
Santa Uxía de Riveira, 13 de maio de 2016.- A Xunta de Goberno Local aprobou na súa reunión desta semana unha nova acción dirixida a renovar o material de cardio e musculación a disposición dos usuarios do Complexo Deportivo da Fieiteira e das actividades que alí se prestan.
Así, segundo o acordo adoptado, o que se pretende é sacar a concurso baixo a modalidade de renting (sen opción de compra) a subministración dun total de 41 elementos: 7 cintas de correr, 3 elípticas, 3 bicicletas verticais, 3 bicicletas horizontais, 20 bicicletas de spinning, 2 mancornas para pesas de 2,5 a 30 kilos, 1 xogo de pesas de 2,5 a 30 kilos, un contractor pectoral e unha prensa para pernas.
O contrato, sen opción de prórroga, realizarase por catro anos e asegurará todo o mantemento correctivo e preventivo de todo este material. O prezo máximo de licitación polos 4 anos é de 80.000 euros.
As empresas interesadas disporán de 15 días para tramitar as súas ofertas unha vez o anuncio correspondente sexa publicado no Boletín Oficial da Deputación da Coruña.