Friday 22 de November de 2024

Causas Comúns organiza este sábado en San Sadurniño unha velada solidaria coas persoas refuxiadas


Causas Comúns é unha asociación sen fins de lucro impulsada en 2012 polo fotógrafo Gabriel Tizón co obxectivo de servir de punto de encontro para distintas disciplinas da comunicación e a creación cunha finalidade moi concreta: darlle voz a quen non a ten, informar sobre o que os medios moitas veces non recollen e mesmo asistir ás persoas máis desfavorecidas estean onde estean. Un dos últimos proxectos nos que se implicou a entidade foi o de contar desde dentro a crise das persoas refuxiadas e emprender varias accións -denominadas Proxecto Muros- que, por un lado, tentan axudar no posible a paliar a situación e, por outra, facerlle ver a Europa a verdadeira dimensión do problema. Agora van un paso máis aló e por iso programaron un evento solidario que terá lugar este sábado a partir das 18.30h. na Casa da Cultura de San Sadurniño. As entradas, a 5 euros.

Nel teremos música, humor, teatro e, en definitiva, cultura coa que recadar fondos que se destinarán integramente a financiar o traballo de todo tipo que desenvolve Causas Comúns en zonas como Lesbos ou Idomeni.

A mestra de cerimonias será a actriz Paula Morado, pertencente ao elenco da teleserie da TVG “Urxencia Cero”, na que interpreta á doutora Laura Montes. E como tal condutora do programa, deberá presentar e darlle paso a unha chea de actuacións certamente variadas que botarán a andar xusto despois de que Causas Comúns explique os proxectos nos que está traballando e cales son os obxectivos do evento, coa mirada posta nas persoas que buscan refuxio ás portas de Europa.

No caso da música haberá tres propostas. A primeira será a do alumnado da escola de zanfona do Padroado de Cultura do Concello de Narón que titoriza o cempés Óscar Fernández. Despois chegará o coro do Aturuxo de Melpómene, unha agrupación naronesa que toca distintos paus da arte, incluída a música. De feito, boa parte deles e delas participaron recentemente no videoclip de Caxade “E isto é o amor”, con dirección artística do factótum Leandro Lamas. O apartado musical pecharao o country-blues en galego e en inglés de La Banda de Cletus, o grupo local da asociación Con Suma Conciencia que ofrecerá como remate da tarde-noite unha pequena escolma do seu repertorio.

Porén, Causas Comúns tamén incorporou ao programa arte escénica e oral. Silvia Romaus e Pablo Sánchez subirán ao escenario para botar uns parrafeos, a primeira a través dos seus monólogos e o segundo cos “Contos de Pablismo” ou, como dí a sinopse do espectáculo, un desafío ao público para que conte cantos contos conta este especialista das historias faladas reviradas e sorprendentes. O apartado oral complétase coa poeta Silvia Pardo. Coruñesa de nacemento e pontesa de adopción, Pardo leva colaborando con grupos poéticos desde a súa etapa universitaria. Agora é unha das representantes máis activas do colectivo Alalá. O mar, a morte, a loita, “os azos de liberación para o meu povo”, son, segundo asegura “as liñas constantes” da súa poesía.

Da parte teatral ocuparase a compañía O Lar da Farsa, xurdida hai pouco máis dun ano do seo da escola de actores e actrices de Narón. Representarán a comedia “Historias corrientes”, todo un clásico do teatro afeccionado que, por certo, nada ten que ver coa serie de debuxos animados que emite a canle temática Boing.

Toda a recadación da velada destinarase ao traballo de campo da ONG Causas Comúns nas zonas onde o drama das persoas refuxiadas é máis patente, como é o caso das costas gregas ou a zona de ninguén de Idomeni. As entradas poderán mercarse na taquilla da Casa da Cultura por un prezo de 5 euros, aínda que tamén hai aberta unha Fila 0 a través da conta E S 1 2 – 3 1 8 3 – 1 5 0 0 – 9 3 0 0 – 0 1 3 8 1 0 2 0. Outra opción é colaborar coa entidade a través da súa páxina web,www.causascomuns.org.