Tuesday 04 de August de 2026

O Concello de Neda prohibirá o acceso en coche ao miradoiro de Ancos o día da eclipse


Propón como alternativas para a observación a contorna do albergue e máis a zona dos Subarreiros

Co obxectivo de garantir a seguridade e evitar problemas de circulación, o próximo 12 de agosto, día do eclipse solar total que, se o tempo acompaña, poderase observar dende a localidade, o Concello de Neda blindará o miradoiro do monte Ancos, a atalaia que ofrece a mellor panorámica da ría de Ferrol dentro da localidade. Tras valorar a capacidade das pistas de acceso e o limitado espazo para estacionar, o goberno local aposta por prohibir o paso dos vehículos cara a este punto icónico no que cabe esperar gran número de visitantes.

A administración local pechará as vías de entrada tanto dende a zona de Casadelos como dende a parroquia de Anca co obxectivo de evitar colapsos circulatorios. Así, quen queira achegarse ata a zona para desfrutar do fenómeno astronómico terá que subir a pé ata o cumio do monte, punto onde se localiza o popular miradoiro.

Puntos recomendados

Con todo, o Concello aposta por alternativas máis cómodas que, igualmente posibilitarán a observación da eclipse solar total. Así, recomenda como opcións preferentes espazos recreativos de fácil acceso como son o campo dos Subarreiros e, como non, na zona de Xuvia, o contorna do albergue de peregrinos, dúas localizacións con maiores facilidades para aquelas persoas que decidan achegar en coche.
En liña coas indicacións do Delegación do Goberno, recoméndase á veciñanza que, na medida do posible, evite os desprazamentos en vehículo particular nesa tarde noite. Cómpre lembrar que a eclipse iniciarase ás 19:30 horas, será total entre as 20:27.3 e as 20:28.8, e concluirá ás 21:21 h.

Observación segura

Finalmente, o Concello de Neda incide na necesidade de coidar a saúde ocular, evitando danos que poden ser irreversibles, tema que foi obxecto durante as últimas semanas dunha acción formativa, da man de Portela Ópticos. Neste sentido, lémbrase a necesidade de utilizar, en todas as fases do fenómeno, gafas para ver a eclipse homologadas e, en bo estado, que cumpran a ISO 12312-2, e facer observacións en intervalos breves que non superen os 30 segundos, aos que deben seguir tempo de descanso. Recórdase, por último que, se se quere tomar imaxes do fenómeno, cámaras e móbiles terán que contar cos correspondentes filtros solares para evitar que se estraguen.

Deja un comentario