O Concello de Oleiros ten aberta a convocatoria de subvencións destinada ás entidades deportivas locais sen ánimo de lucro, co propósito de apoiar e promover actividades deportivas ao longo do ano 2026. Ante o incremento de clubs e entidades do municipio que participan en competicións de ámbito estatal, o Goberno Municipal incrementou o importe total dedicado ás subvencións ata os 140.000 euros. Tamén se incrementan as axudas para os clubs que participan no ámbito local e autonómico.
Esta iniciativa busca impulsar a práctica deportiva en xeral, facendo especial fincapé no deporte de base. Tamén pretende reforzar o rendemento deportivo, favorecer a presenza en competicións de nivel avanzado e dinamizar a actividade dos clubs e asociacións deportivas que operan no ámbito municipal de Oleiros.
As entidades interesadas deberán ser sen ánimo de lucro e estar inscritas no Rexistro Municipal de Entidades do Concello de Oleiros con data anterior ao 31 de decembro de 2025, ademais de cumprir cos requisitos esixidos nas Bases. As solicitudes poderán presentarse a través da Sede Electrónica cos modelos normalizados que se inclúen como anexos á convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 4 ao 24 de agosto (BOP nº 145 do 3 de agosto de 2026).
Ademais, o Concello de Oleiros tamén colabora coas entidades deportivas poñendo á súa disposición, de maneira gratuíta, as instalacións necesarias, así como diverso material de apoio para eventos e competicións.
ENLACE BOP: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/08/03/2026_0000005032.pdf




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.