A directora de Turismo de Galicia participou hoxe no acto de entrega de premios do torneo Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade Ladies Open 2016
O feito de potenciar o golf na Comunidade galega desde o punto de vista turístico, contribúe, segundo sinalou hoxe a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, “á diversificación da oferta e á captación de novos segmentos, consolidando a nosa comunidade como un destino experiencial”.
Nava Castro, referiuse así ao turismo de golf, no acto de entrega de premios do torneo Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade Ladies Open 2016, que se celebrou desde o pasado luns 9 de maio no campo de golf do resort Oca Augas Santas de Pantón. A súa organización contou co apoio de Turismo de Galicia e nel participaron 130 golfistas de categoría feminina de todo o mundo.
Segundo manifestou a directora do departamento de turismo da Xunta, esta proba, que se celebra por cuarto ano consecutivo na Ribeira Sacra e na que resultou gañadora a francesa Marion Duvernay, “constitúe unha iniciativa única para posicionar Galicia como destino de golf e permite gozar deste deporte nunha contorna única, así como comprobar que Galicia é o mellor destino para combinar a práctica deportiva, a enoloxía, a gastronomía e a actividade cultural nun territorio inigualable”.
Turismo de Galicia colaborou coa organización desta proba, incluída na LET Access Series, porta para achegarse ao Tour Europeo Profesional Feminino, co obxectivo de difundir os valores turísticos da Comunidade galega asociados ao golf no ámbito profesional e semiprofesional deste deporte.
Deste xeito, o departamento de Turismo da Xunta puido estar presente nas presentacións que se levaron a cabo deste evento en Madrid e Galicia, realizar promoción do destino durante o desenvolvemento da proba, así como outras accións relacionadas coa difusión dos valores turísticos galegos.
Oferta combinada
Por outra parte, na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia referiuse ao deporte asociado ao turismo como un activo que enriquece a experiencia dos que nos visitan e “nos axuda a dar a coñecer de preto algunhas das paisaxes máis espectaculares do destino”.
Nalgúns casos, engadiu Nava Castro, a este factor pode engadírselle a oferta termal, “que Galicia lidera no conxunto do Estado co 20% das instalacións existentes en España e co maior número de distintivos de Calidade turística neste segmento”.
Neste ámbito, citou tamén o Camiño de Santiago como elemento universal para combinar coa práctica do golf, ademais da variada enogastronomía da comunidade, de xeito que “o turismo de golf en Galicia conforma así unha oferta de gran valor diferenciador, que ademais conta cunha infraestrutura ampla de campos para xogar”.
Plan integral de Turismo de Galicia
No Plan Integral de Turismo de Galicia vén reflectida a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf relacionados co turismo termal.
Así, Nava Castro citou un dos plans de acción deste documento, centrado no desenvolvemento de produtos turísticos especializados dirixidos a segmentos de público específico.
Dentro deste plan están recollidas diversas accións encamiñadas á promoción, á captación de turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.
Neste marco, a directora de Turismo de Galicia salientou o impulso de campionatos como “o que hoxe estamos a clausurar no corazón da Ribeira Sacra, o Circuíto CENOR-Camiño de Santiago ou o Circuíto Sénior de Turismo de Galicia, entre outros”.
Así mesmo —engadiu— traballamos na promoción de Galicia como destino de golf participando en feiras sectoriais, como a Madrid Golf Experience, que están permitindo que Galicia se consolide como un destino de golf de primeira orde.