Monday 03 de August de 2026

O BNG reivindica que a nave de Cerqueira debe ser un espazo polivalente ao servizo da veciñanza


Os nacionalistas lembran que a adquisición do inmoble responde a unha estratexia definida polo goberno de Luís Pérez para crear un equipamento social, cultural e comunitario para Ribeira

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira reclama ao Goberno municipal que manteña o carácter polivalente da nave de Cerqueira e respecte o obxectivo co que foi adquirida: converter este inmoble nun espazo de referencia para o uso e desfrute de toda a veciñanza, especialmente das veciñas e veciños de Banda ao Río.

O exalcalde e portavoz, Luís Pérez Barral, acompañado polo responsable local da organización, Rafa Pazos, e pola concelleira Cruz Rivadulla, manifestou a súa preocupación tras coñecer a consulta pública aberta polo executivo local para decidir o destino da nave. “O que nos transmite esta consulta é que o Partido Popular non ten un proxecto claro de vila nin tampouco para un espazo que xa foi adquirido cunha finalidade perfectamente definida”, sinalou Pérez Barral.

Dende o Bloque lembran que a súa defensa de Cerqueira non é nova, senón que responde a un compromiso mantido ao longo dos últimos anos. Xa en 2021 a formación nacionalista propuxera a protección do conxunto industrial mediante a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), poñendo en valor o seu carácter patrimonial e a súa importancia na historia de Ribeira. Posteriormente, en 2023, tras o cesamento da actividade da conserveira, o BNG reiterou a necesidade de preservar este espazo e de convertelo nun elemento clave para a revitalización de Banda ao Río, apostando por un proxecto de futuro que combinase a conservación do patrimonio coa creación dun novo equipamento público para a veciñanza.

O portavoz nacionalista lembrou que a compra da nave de Cerqueira non foi unha decisión improvisada, senón que formaba parte dunha estratexia de transformación urbana e social impulsada polo Goberno que presidiu, coa intención de dotar Ribeira dun novo equipamento municipal de carácter polivalente así como dun pequeno museo do mar no espazo da vivenda. “O noso obxectivo sempre foi que esta nave estivese aberta á cidadanía, ás asociacións e ás entidades do concello para desenvolver actividades sociais, culturais, deportivas, formativas e veciñais. Queríamos crear un espazo vivo, flexible e útil para toda a veciñanza”, explicou.

Neste sentido, Pérez Barral incidiu en que esa visión xa quedou recollida na estratexia municipal vinculada á captación de fondos europeos, aprobada polo Pleno no mes de febreiro de 2025 sen o apoio do Partido Popular. “Grazas ao traballo que impulsamos dende o Concello de Ribeira cando estivemos no goberno, conseguimos máis de 6,5 millóns de euros e nesa estratexia xa identificabamos a nave de Cerqueira como un equipamento polivalante e como epicentro social, cultural, deportivo e veciñal” detallou.

“Non hai que empezar de cero nin improvisar. O Concello xa conta cunha planificación aprobada que marca o camiño e que responde ás necesidades reais do municipio. O que lle pedimos ao Goberno do PP é que a respecte e a desenvolva”, afirmou.

O portavoz do BNG advertiu ademais de que modificar substancialmente o destino previsto para a nave podería poñer en risco a execución da estratexia que permitiu a Ribeira acadar a maior captación de fondos europeos da historia de Ribeira. “Sabemos que o Partido Popular nunca creu nin apoiou este proxecto por iso non votou a favor pero a nave de Cerqueira forma parte dunha estratexia global que foi avaliada e coa que Ribeira conseguiu 6,5 millóns de euros de fondos europeos. Se agora se altera de maneira significativa o uso previsto para este equipamento, existe o risco de que se vexa afectada esa planificación e mesmo de que se reduza ou se perda parte do financiamento conseguido. Sería unha enorme irresponsabilidade”, advertiu Pérez Barral.

Apoio á veciñanza de Banda ao Río e á súa asociación

Luís Pérez Barral tamén quixo amosar, en nome do BNG, o respaldo á iniciativa promovida pola Asociación Social e Cultural de Bandourrío, que está a defender precisamente que a nave manteña ese carácter polivalente co que foi concibida desde o primeiro momento. Neste sentido, Pérez Barral destacou que “compartimos plenamente a proposta da asociación porque vai na mesma dirección que motivou a compra deste inmoble. É unha iniciativa sensata, que aposta por crear un espazo de convivencia, participación e dinamización social para todo Ribeira.

Desde o BNG reiteran a súa disposición a colaborar para que a nave de Cerqueira se converta nun verdadeiro motor de dinamización social, cultural e comunitaria para Ribeira. A formación nacionalista considera que este proxecto representa unha oportunidade única para dotar ao municipio dun novo espazo público ao servizo da veciñanza, fortalecer o tecido asociativo e contribuír á revitalización de Banda ao Río, polo que agarda que o Goberno municipal saiba estar á altura e dea continuidade ao traballo xa iniciado.

“Ribeira non pode perder esta oportunidade. Cerqueira debe ser un exemplo de como recuperar un espazo con valor histórico para poñelo ao servizo das persoas. Ese foi o compromiso co que a adquirimos e seguiremos traballando para que ese proxecto se faga realidade, porque estamos convencidos de que será un beneficio para toda a veciñanza”, concluíu Luís Pérez Barral.

Deja un comentario