O Concello de Neda programa este mércores o segundo espectáculo ao aire libre do programa municipal “Miúdo verán. Cultura en familia”. Tras a boa acollida do concerto de Paco Nogueiras, chega á vila Teatro Ghazafelhos con “Sherezade, Aladino e os tres beduínos”, obra de rúa coa que a compañía celebrou o seu vinte aniversario.
O carromato tradicional de tres contadores de historias de Persia recalará no Parque do Principiño, a partir das 20:30 horas, para evocar as aventuras aventuras de Sherezade e as súas mil e unha noites… e recrear os momentos máis máxicos dos relatos árabes máis coñecidos como Aladino e a lámpada marabillosa ou Alí Babá e os corenta ladróns.
Como é habitual, nesta nova peza de Ghazafelhos (Montse Piñón, Pepablo Patinho, e Jorge Casas), que aposta pola técnica do clown, non faltará o bo humor e a participación activa dos nenos e nenas que se acheguen a desfrutar do espectáculo, que é totalmente de balde.
O ciclo Miúdo verán é froito da colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia, a través de Agadic, que aporta o 45 % do financiamento a través do programa Cultura no Camiño, co que busca contribuír a dinamizar as rutas xacobeas durante o verán.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.