• Izaskun García: “As oportunidades para Culleredo deféndense sentándose na mesa, non deixando a cadeira baleira”
O Partido Popular de Culleredo lamenta a decisión do alcalde, José Ramón Rioboo, de non asistir á reunión convocada esta mañá na Coruña para abordar a futura da área metropolitana, un encontro no que comezaron a debater asuntos estratéxicos para os municipios, como a mobilidade e o transporte, os servizos públicos, os fondos europeos ou os investimentos supramunicipais.
A portavoz do PP, Izaskun García, afirma que reclamar a presenza de todos os municipios do Consorcio As Mariñas é unha postura lexítima, pero considera que esa reivindicación debía defenderse participando na reunión e representando os intereses de Culleredo. “Unha cousa non quita a outra. Podes pedir que estean máis concellos e, ao mesmo tempo, defender aos teus veciños onde se toman as decisións. As oportunidades para Culleredo deféndense sentándose na mesa, non deixando a cadeira baleira. Iso é o coherente e o responsable”, sinala.
Para Izaskun García, a ausencia do alcalde, lonxe de marcar perfil propio, transmite unha imaxe de falta de liderado nun momento clave para o futuro da comarca. A portavoz popular insiste en que Culleredo necesita un goberno que estea presente, que dialogue con todas as administracións, que faga valer a posición estratéxica do municipio e aproveite tamén cada oportunidade para atraer investimentos e mellorar a vida de miles de veciños. “Como alcaldesa eu estarei en todas as reunións nas que se fale do futuro de Culleredo. Se hai algo que reclamar, reclamareino alí. Pero nunca deixarei de defender os intereses dos nosos veciños”, asegura. A política municipal, engade, “non consiste en facer xestos, senón en conseguir resultados”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.