Friday 22 de November de 2024

Nava Castro enxalza a hospitalidade como a pedra angular do Camiño de Santiago


A exposición explica a comunicación que se produce a medida que se avanza no Camiño cun mesmo, coa propia ruta e cos compañeiros de Camiño

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, enxalzou a hospitalidade como a pedra angular da Ruta Xacobea na inauguración da exposición ‘Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago. Fotografías de Manuel G. Vicente’ no Palacio Arcebispal de Ourense.

Nava Castro cualificou a hospitalidade de “fundamental” para conservar o legado da peregrinación e explicou que caracteriza ao pobo galego facendo ao peregrino “sentirse coma na casa” despois de percorrer máis de 100 quilómetros. Neste sentido, fixo fincapé no labor desinteresado que realizan os Hospitaleiros e as Asociacións de Amigos do Camiño en todas partes do mundo.

A mostra recolle este sentimento nas fotografías que Manuel G. Vicente tomou ao longo do Camiño durante as últimas décadas e transmite, tal e como explicou a directora de Turismo de Galicia, o marco sensible no que o peregrino se comunica co contorno natural e humano. Neste sentido, a inauguración reflicte con imaxes a comunicación do peregrino consigo mesmo e deste co propio Camiño, cos seus compañeiros de experiencia así como cos hospitaleiros e paisanos dos pobos polos que transcorre.

Aumento do número de peregrinos
A directora de Turismo afirmou que esta fraternidade é un valor intrínseco da experiencia xacobea que achega vivencias e novas amizades ao peregrino. Este aspecto positivo, unido aos valores patrimoniais, naturais, culturais e gastronómicos fan que o Camiño continúe en pleno auxe na actualidade.

Neste sentido, Nava Castro subliñou o incremento de peregrinos que ven rexistrando o Camiño. En 2015 chegaron a Galicia 262.515 peregrinos procedentes de máis de 150 países e no que vai de ano xa se rexistraron máis de 38.000, o que supón un aumento do 5% sobre o mesmo período do 2015.