A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, compareceu este venres, 31 de xullo, en rolda de prensa para facer balance do curso político que remata co inicio do período estival, un período que cualificou como de “obxectivos conseguidos”. Entre os principais fitos salientou a licitación do novo contrato do transporte urbano, a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado, a posta en marcha do Centro Loxístico de Distribución de Mercadorías, a constitución do Foro de Turismo Sustentable e a incorporación de novas conexións aéreas internacionais. Así mesmo, anunciou que as estatuas do Mestre Mateo recuperadas tras un longo proceso xudicial permanecerán de forma definitiva no Museo do Pobo Galego (MPG).
A alcaldesa fai balance dun curso marcado polo cumprimento de obxectivos e anuncia a instalación definitiva das estatuas do Mestre Mateo no Museo do Pobo Galego
“Este curso remata con moitos deberes feitos, cunha listaxe de obxectivos conseguidos”, afirmou Sanmartín Rei, quen repasou as principais actuacións desenvolvidas polo Goberno municipal.
A alcaldesa lembrou que esta semana o Ministerio de Vivenda aprobou a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado, unha medida cunha vixencia de tres anos. “Para este goberno é prioritario activar todas as ferramentas posibles para intervir no mercado da vivenda, especialmente nos prezos do alugueiro, porque se converteu na principal preocupación da veciñanza e nun importantísimo factor de desigualdade e de empobrecemento”, sinalou. Neste sentido, recordou que o Concello xa está a impulsar distintas actuacións e aprobou o correspondente plan de medidas correctoras para o período 2026-2029.
Entre esas medidas figura a colaboración entre o Concello e o Consorcio de Santiago para a adquisición e rehabilitación de edificios residenciais situados no ámbito do Plan Especial 1 da Cidade Histórica. Na reunión do Consello de Administración do Consorcio celebrada o pasado 24 de xullo acordouse que este organismo asumirá a redacción dos proxectos e a rehabilitación dos inmobles que adquira o Concello, con cargo ao patrimonio municipal de solo e mediante licitación pública, co obxectivo de incorporalos á bolsa de vivenda pública en alugueiro.
A primeira convocatoria contará cunha dotación de tres millóns de euros, que permitirá avanzar nun dobre obxectivo: incrementar o parque de vivenda pública e recuperar para o seu uso inmobles actualmente baleiros, contribuíndo así á revitalización da Cidade Histórica.
A rexedora destacou tamén a finalización das obras e a entrega a Mercagalicia do Centro Loxístico de Distribución de Mercadorías, unha actuación que contou cun investimento de 5,8 millóns de euros de fondos públicos, financiados mediante unha subvención do programa Next Generation. A partir de agora, Mercagalicia asumirá a súa xestión, conforme ao convenio subscrito entre o Concello, o Consorcio e Mercasa, e o centro iniciará a súa actividade cunha empresa operadora de loxística. “É un logro moi reseñable que coloca Compostela na vangarda deste tipo de iniciativas, cunha experiencia que se poderá escalar e replicar noutras zonas de baixas emisións”, valorou.
Outro dos fitos salientados foi a constitución esta semana do Foro de Turismo Sustentable, un órgano de participación pioneiro en Galicia pola diversidade das entidades representadas e polo amplo alcance das funcións que terá encomendadas.
Este organismo desenvolverá as funcións previstas na normativa autonómica que regula o imposto sobre as estadías turísticas e constituirá, ademais, un espazo permanente de diálogo para avanzar cara a un modelo turístico máis consciente, sustentable e de calidade.
No ámbito da conectividade aérea, Sanmartín destacou os resultados do traballo desenvolvido para reforzar o posicionamento estratéxico do Aeroporto Rosalía de Castro. Neste contexto, a compañía Wizz Air abrirá unha nova base en Santiago a partir do 1 de febreiro e incorporará xa este ano novas conexións internacionais directas con Roma e Varsovia.
A alcaldesa subliñou igualmente a adxudicación do novo contrato de transporte urbano, que permitirá ofrecer un servizo renovado e de maior calidade, acompañado dunha nova identidade visual e dunha mellora significativa da información destinada ás persoas usuarias, tal e como explicou esta mesma semana o concelleiro de Mobilidade.
Estatuas do Mestre Mateo
Na parte final da súa intervención, Goretti Sanmartín anunciou a decisión sobre o destino definitivo das estatuas do Mestre Mateo. Tras escoitar as achegas de persoas expertas, institucións e organizacións implicadas, nun proceso participativo que incluíu a celebración dunhas xornadas abertas, acordouse que as pezas permanezan no Museo do Pobo Galego, de titularidade municipal, un espazo que “todo o mundo entende como o museo nacional de Galicia”.
A alcaldesa indicou que o proceso de reflexión desenvolvido arredor desta cuestión permitiu concluír que resulta fundamental garantir unha lectura destas obras desde unha dobre perspectiva: o seu valor histórico e artístico e a memoria do espolio e do proceso que fixo posible a súa recuperación.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.