Friday 31 de July de 2026

O Felicia Pop volve converter Fene nun referente da música independente esta fin de semana


A alcaldesa e os concelleiros de cultura e servizos reuníronse coa organización para ultimar os preparativos dunha nova edición do festival

O Concello colabora coa organización a través dunha subvención nominativa, do apoio loxístico e da programación da sesión vermú do sábado con The Homens

O Parque da Hortiña de Limodre prepárase para acoller esta fin de semana unha nova edición do Felicia Pop, unha das citas musicais máis consolidadas e emblemáticas do verán galego, que volverá reunir esta fin de semana a centos de persoas chegadas de diferentes puntos de Galiza e de outras comunidades.

Con motivo do inicio do festival, a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e os concelleiros de cultura e servizos, Justo Ardá e Adán Chao, mantiveron un encontro cos representantes da organización para revisar os últimos preparativos e coordinar os diferentes aspectos relacionados co desenvolvemento do evento.

A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou que “o Felicia Pop é xa un dos grandes referentes culturais de Fene e un festival que contribúe decisivamente a proxectar o nome do concello fóra das nosas fronteiras”. A rexedora agradeceu tamén “o enorme traballo do equipo organizador e das persoas voluntarias, que fan posible que un festival destas características continúe medrando edición tras edición”, e reiterou “o compromiso do Concello para seguir apoiando un proxecto que xa forma parte da identidade cultural de Fene”.

O Concello de Fene colabora un ano máis coa organización do Felicia Pop a través dunha subvención nominativa de 11.000 euros concedida ao festival e dun amplo dispositivo de apoio loxístico, coordinado desde distintas áreas municipais, especialmente a área de servizos, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento da cita e que tanto artistas como público poidan desfrutar do evento nas mellores condicións.

Festa de presentación e programación

Tras a festa de presentación celebrada onte na Cantina da Escola, que contou coas actuacións de Isabel Risco e Que Vida!, a programación musical deste venres inclúe as actuacións de Bluesons (21.40 h), Lunamotos (22.35 h), Radio Days (23.40 h), The Magnolias (01.00 h) e The Peawees (02.30 h). O sábado será a quenda de Todo el Largo Verano (21.40 h), Bule (22.40 h), Lolas (23.40 h), Mi Vida Rosa (01.10 h) e The Meaws (02.40 h).

Como complemento á programación do festival, o sábado 1 de agosto, ás 12.30 horas, o grupo compostelán The Homens protagonizará a sesión vermú no Parque da Hortiña. A actuación está organizada pola Concellería de Cultura coa colaboración do programa Cultura no Camiño, da Xunta de Galiza, e contará con entrada libre e gratuíta.

Para o resto do festival, os abonos teñen un prezo de 30 euros en venda anticipada (40 euros en portelo), mentres que a entrada para unha única xornada custa 25 euros anticipada (30 o propio día). Poden adquirirse woutick.com

Desde o Concello de Fene anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta nova edición do Felicia Pop Festival e a aproveitar a oportunidade para coñecer e desfrutar da ampla oferta cultural, patrimonial e gastronómica do municipio.

Deja un comentario