Friday 31 de July de 2026

As Non Adscritas desbloquean co seu voto a favor dous expedientes económicos de débedas con provedores: “nin gobernamos nin facemos oposición como vostedes”


• Gonzalo Muíños denuncia que o Concello pechou 2025 con máis de 32 millóns de euros de remanente e, ao mesmo tempo, máis de 13 millóns en obrigas pendentes de aplicación orzamentaria: “Non faltaba diñeiro; faltaba xestión”

• As concelleiras Non Adscritas apoiaron os expedientes para evitar que provedores, autónomos, asociacións e outras entidades continúen agardando por cobrar o que lles debe o Concello

O voto favorable das concelleiras Non Adscritas permitiu este venres desbloquear no Pleno municipal dous expedientes económicos impulsados polo Goberno local: un crédito extraordinario e un recoñecemento extraxudicial de crédito, ambos vinculados a obrigas económicas pendentes do Concello. Gonzalo Muíños explicou que o apoio responde a un criterio de responsabilidade para que os provedores municipais non sigan asumindo as consecuencias do “descontrol” na xestión económica do Executivo: “é a solución menos mala”.

“O noso voto non é o que máis nos gustaría emitir. O que deberiamos facer sería abstermos, como fixeron BNG e Compostela Aberta cando estaban na oposición. Pero nós nin gobernamos como vostedes nin facemos oposición como vostedes. As empresas, os autónomos, as asociacións ou as comunidades de propietarios ás que o Concello lles debe cartos non teñen culpa do fracaso da súa xestión económica e, se traballaron para a administración, deben cobrar”, afirmou durante a súa intervención.

Dous expedientes diferentes

Muíños quixo deixar claro que o Pleno aprobou dous expedientes con efectos distintos. Por unha banda, un crédito extraordinario que incorpora ao orzamento os recursos necesarios para atender parte das obrigas pendentes de aplicación orzamentaria do exercicio 2025. É dicir, habilítase crédito para poder facer fronte a esas débedas, que despois deberá imputarse.

Por outra banda, aprobouse un recoñecemento extraxudicial de crédito, o instrumento que permite imputar ao orzamento gastos realizados que non contaban coa correspondente anotación contable. O concelleiro advertiu, ademais, de que parte das obrigas vinculadas ao crédito extraordinario deberán volver ao Pleno mediante un futuro expediente de recoñecemento extraxudicial, tal e como recolle o propio informe de Intervención.

Nese momento, avanzou, as concelleiras Non Adscritas analizarán cada expediente de maneira individualizada. De feito, xa anunciou que as indemnizacións substitutivas derivadas do servizo de recadación da taxa do lixo prestado por Viaqua merecerán a súa abstención, ao existir dúbidas xurídicas sobre a cobertura contractual desa prestación, malia que os informes acrediten que o servizo foi efectivamente realizado.

“Non faltaba diñeiro; faltaba xestión”

Durante a súa intervención, Muíños asegurou que os expedientes aprobados son “un retrato fiel do desastre da xestión contable” do Goberno local. Ao seu xuízo, a acumulación de facturas pendentes non responde a casos illados, senón a unha forma de xestionar que leva anos cronificándose.

Como exemplo, referiuse a unha serie de facturas pendentes -relativas a contratos menores- relacionadas co Palacete do Espiño, ás correspondentes á campaña de Nadal de 2025, que aínda non foran aboada, ou ás 45 facturas procedentes da Coordinación Xeral, un órgano creado polo actual Goberno para mellorar o funcionamento administrativo e que, segundo os informes de Intervención, acumula algunhas das irregularidades máis relevantes do expediente, entre elas fraccionamentos de contratos en sucesivos menores para sortear unha licitación única, superación dos límites dos contratos menores e prestacións realizadas sen cobertura contractual.

O concelleiro puxo tamén o foco na situación financeira do Concello. Segundo lembrou, a liquidación do exercicio 2025 revela un remanente líquido de tesourería superior aos 32 millóns de euros e, ao mesmo tempo, máis de 13 millóns de euros en obrigas pendentes de aplicación orzamentaria.

“É dicir, había recursos económicos, pero non había capacidade para convertelos en pagos efectivos. Non faltaba diñeiro; faltaba xestión”, resumiu.

Muíños lembrou tamén que o Concello xa tivo que aprobar hai un ano un Plan Económico e Financeiro por incumprir a sustentabilidade comercial, isto é, superar o período medio de pago a provedores que marca a lei de trinta días -chegou a superar os cen días- e que mesmo o Estado tivo que adiantar recursos nos últimos meses para atender o pagamento a provedores.

Unha oposición diferente: “pensamos nos provedores”

Muíños tamén criticou a posición mantida polo Partido Popular durante o debate plenario, ao considerar que a súa abstención respondeu unicamente ao anuncio previo do voto favorable das concelleiras Non Adscritas.

“É importante revisar a hemeroteca para comprobar que sempre temos que ser nós quen damos un paso á fronte. O Partido Popular pode permitirse absterse porque sabe que o noso voto favorable desbloquea os expedientes. Se nós tamén nos abstivésemos, o seu voto sería outro e estes expedientes quedarían bloqueados”, afirmou.

O portavoz das concelleiras Non Adscritas insistiu en que detrás desas obrigas pendentes hai persoas e entidades que cumpriron co Concello e que levan meses esperando por cobrar. Entre elas citou asociacións culturais, a Asociación Española Contra o Cancro, empresas construtoras, profesionais autónomos, a Universidade de Santiago, escolas de animación sociocultural ou comunidades de propietarios ás que o Concello debe o alugueiro dos locais que utiliza.

Por iso, defendeu que o seu grupo optou polo “mal menor”. “Hoxe non estabamos decidindo se avalabamos a xestión deste Goberno. Estabamos decidindo se os provedores seguían esperando ou podían empezar a cobrar. E a nosa responsabilidade era pensar primeiro neles”, afirmou.

O concelleiro reivindicou que as concelleiras Non Adscritas exercen “unha oposición útil”, afastada tanto da xestión do Goberno como do bloqueo político. “Nós nin gobernamos como vostedes, nin facemos oposición como vostedes. Cando hai provedores, autónomos, asociacións ou entidades que levan meses agardando por cobrar, pensamos primeiro neles e despois no rédito político”, concluíu.

Deja un comentario