A Xunta de Galicia crea por primeira vez a Rede de Parques Naturais de Galicia para realizar unha xestión coordinada destes espazos, xunto co Parque Nacional Marítimo Terrestre
A Xunta de Galicia vén de dar o primeiro paso para a creación da Rede de Parques Naturais de Galicia, que permitirá facer unha xestión compartida e coordinada destes estes espazos, xunto co Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, promovendo o intercambio de proxectos comúns, co fin de potenciar estes espazos como axentes de desenvolvemento económico e convertelos nun activo do turismo sostible.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou esta mañá a Rede de Parques Naturais de Galicia, tras reunirse cos presidentes das xuntas consultivas destes espazos protexidos. Na súa exposición, explicou que se trata dunha iniciativa que favorecerá a conservación, difusión e posta en valor dos seis parques naturais, ademais do das Illas Atlánticas, que “son os mellores embaixadores” da enorme riqueza e diversidade natural de Galicia.
Estes espazos, xunto cos oito monumentos naturais, cinco humidais protexidos, as paisaxes protexidas e as zonas de especial protección dos valores naturais, suman 57.000 hectáreas, compoñen 96 espazos diferentes e ocupan un 12% do territorio galego.
“Estamos ante espazos de valor incalculable a nivel natural, ambiental, paisaxístico e de biodiversidade”, que teñen un enorme potencial económico, turístico e social, que se deben aproveitar, pero “sempre dentro do máis sólido dos compromisos: a sostibilidade”, matizou a conselleira. A responsable de Medio Ambiente salientou que o reto de combinar o medio ambiente e o desenvolvemento económico quedará patente na posta en marcha do Club de Produto dos Parques Naturais de Galicia, no que se establecerán os requisitos para que os establecementos poidan ser membros. Outra das iniciativas neste ámbito son a creación dunha oferta de natureza diferenciada, innovadora e de calidade, para o que se deseñarán novas rutas temáticas, unha rede de miradoiros e se impulsará o xeoturismo e o turismo ornitolóxico.
Nese sentido, o coñecemento e valorización destes espazos son as ferramentas sólidas para a súa protección e conservación. Así, a Rede de Parques permitirá avanzar nesta liña de traballo, en base a tres eixes fundamentais. O primeiro é a coordinación da rede, afirmou Mato Otero, ao que engadiu que “é a base do que parten a xestión e usos destes espazos e a promoción e posta en valor, os outros dous eixes”. En total, definíronse 7 liñas de actuación nas que se aglutinan 51 accións concretas para levar a cabo ao longo dos próximos catro anos.
Segundo afirmou a conselleira, sen coordinación a Rede de Parques non tería sentido e cada un dos parques operaría de forma independente, polo que a coordinación e organización é primordial para sacar máximo partido as iniciativas que se impulsen e aproveitar as sinerxías. A modo de exemplo, explicou que nesta liña de actuación se inclúen medidas como o impulso de programas de voluntariado e colaboración con ONGs, a busca de financiamento europeo ou patrocinios e o fomento do emprego verde, entre outros.
Imaxe de marca
A conselleira de Medio Ambiente destacou que esta Rede vai máis alá do deseño e creación dunha marca ou dun logotipo. Se ben é certo que se deseñou unha imaxe de marca, que lle dará a uniformidade necesaria a todos os espazos da Rede -coherentes co distintivo da Xunta e da Marca Galicia-, e que permitirá dar visualización aos parques de O Invernadoiro e de Enciña da Lastra, que ata o de agora non contaban coa mesma, ao tempo que se acompañará dunha estratexia de comercialización para ofertar a Rede no seu conxunto.
O intercambio de boas prácticas e o impulso á accesibilidade serán outras liñas de actuación. Nese sentido, manteranse iniciativas como a organización de xornadas de cooperación, xa que son foros de debate nos que se poñen en valor aspectos a mellorar, erros a evitar e iniciativas de futuro para todos. Entre as accións destacan un plan de sinalización para todos os parques e a habilitación de rutas accesibles para todos. É unha responsabilidade de Goberno trasladar á cidadanía a necesidade de ter unha especial sensibilidade co medio ambiente e este reto conséguese garantindo que todas as persoas gocen do mesmo, ao tempo que coñecen o seu valor.
A seguinte liña de actuación esta ligada co reto anterior, xa que se aposta por unha especialización e calidade na atención ao visitante. Nese sentido, os parques contarán con guías especializados, que deberán contar cun título e con formación continua, tal e como se establece no Parque Nacional, e tamén se impulsará a implantación de sistemas de calidade ambiental nestes espazos.
A conselleira de Medio Ambiente destacou que a investigación, educación ambiental e divulgación son a mellor plataforma para promover a concienciación ambiental e ecolóxica. Así, a idea é chegar aos máis novos, a través de colaboracións cos colexios e institutos, e tamén aos habitantes das áreas de influencia dos parques, co fin de que eles sexan os primeiros en ter constancia da riqueza e das oportunidades que brindan estes espazos. Outra das iniciativas é fomentar a elaboración de traballos científicos e de investigación entorno a estes espazos e a súa biodiversidade.
A última liña de actuación baséase na especialización da oferta e a potenciación de empresas ecosostibles nas áreas de influencia, identificando as oportunidades de emprendemento que ofrecen campos como a agricultura ecolóxica, os servizos de ocio, o agroturismo e o ecoturismo: é dicir, facer compatible a posta en valor dos parques co desenvolvemento da economía local.
En definitiva, a Rede de Parques Naturais de Galicia será a folla de ruta para os próximos anos, que permitirá dar resposta a retos importantes como facilitar a accesibilidade nos parques, o fomento do emprego entre os colectivos máis vulnerables e apostar polo emprendemento e a economía sostible, sen perder de vista a necesidade de incidir na sensibilización ambiental dos galegos.