• Pintura, 18 pezas, e escultura, 19 tallas, integran a mostra
A arte ten gran peso na axenda cultural de Ribeira e, en consecuencia, o Centro Cultural Lustres Rivas acubilla unha nova exposición: Mulleres, do artista local Jontxu Argibay, onde pintura e escultura van da man. Trátase dunha mostra ao abeiro da programación da Fiestra da Cultura e das festas do verán que rende homenaxe á figura feminina dende a admiración, o respecto e a beleza.
Un total de 18 pinturas (11 acuarelas e 7 óleos) reflexan a actrices, poetas ou intérpretes como Aida Tarrío, Cristina Castaño, Susana Sampedro, Rosalía Vila, Valeria Castro, Zendaya, Candela Peña ou Esperanza Mara, quen amenizou musicalmente a inauguración. E a parte pictórica compleméntase coa escultórica a través de 19 tallas (13 de aglomerado, 4 de talla directa, 1 mixta e 1 cerámica) que reflicten perfís femininos ou a maternidade.
A alcaldesa, María Sampedro, participou no acto inaugural celebrado na tarde de hoxe xunto á concelleia de Cultura, Ana Barreiro, o propio Jontxu Argibay e Goretti Bello, amiga do artista. Na súa intervención, a rexedora destacou a importancia de dar oco aos creadores do municipio e, especialmente, facendo coincidir a apertura desta mostra cos festexos da cidade, ademais de poñer en valor a calidade das obras expostas e a traxectoria artística de Argibay.
Neste senso, Sampedro manifestou que “o talento deste ribeirense non está hoxe só dentro destas paredes, pois a súa obra tamén forma parte da identidade cultural do municipio a través de diferentes pezas escultóricas integradas na paisaxe urbana tales como o Polbeiro de Castiñeiras, sinal de identidade da súa parroquia natal; a Segadora de Olveira, onde pon en valor o duro traballo da muller do campo; ou a figura eterna do mestre Manuel Ayaso, sentado na praza do Concello como era habitual atopalo, pintando e escribindo, que é reflexo da influencia que tivo Ayaso nas creacións de Argibay.”
A exhibición artística permanecerá ata o 5 de setembro e pode visitarse de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, así como os sábados, de 12.00 a 14.00 horas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.