Thursday 30 de July de 2026

O Concello de Fene recupera a celebración das festas patronais de San Salvador


A programación desenvolverase os días 5 e 6 de agosto na Praza do Alcalde Ramón J. Souto González con música, gastronomía e animación infantil

A alcaldesa destaca a vontade do goberno municipal de recuperar unha celebración emblemática e ofrecer un espazo festivo para a veciñanza

O Concello de Fene recupera este ano a celebración das festas patronais de San Salvador, unha cita que volverá formar parte do calendario festivo do municipio os días 5 e 6 de agosto cunha programación pensada para todas as idades e que combinará música, animación, gastronomía e tradición.

A iniciativa parte do propio Concello, que decidiu impulsar directamente a organización da festa co obxectivo de recuperar unha celebración profundamente vencellada á historia da vila. Deste xeito, o municipio volverá celebrar o seu patrón coincidindo co festivo local de San Salvador, recuperando unha cita que durante anos formou parte do calendario festivo de Fene.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “as festas patronais forman parte da memoria colectiva de moitas xeracións de feneses e fenesas e consideramos que era o momento de devolvelas ao calendario do municipio”. A rexedora sinalou que “desde o Concello asumimos este reto coa ilusión de recuperar unha tradición que nunca debería perderse e de volver converter estes días nun punto de encontro para a veciñanza”.

Permuy engadiu que “somos conscientes de que recuperar unha celebración destas características require tempo e esforzo, pero pensamos que paga a pena dar este primeiro paso. O noso desexo é que as festas de San Salvador volvan consolidarse como unha cita participativa, aberta e pensada para todas as idades”.

Programación das festas de San Salvador

A programación arrancará o mércores 5 de agosto. A partir das 19.00 horas instalaranse inchables para o desfrute das nenas e dos nenos. Ás 20.00 horas a charanga Galiza Show Machine percorrerá as rúas animando o ambiente, mentres que ás 22.30 horas será a quenda da actuación do Grupo Arizona.

O xoves 6 de agosto, festividade de San Salvador, a xornada comezará ás 11.30 horas cun pasarrúas a cargo de Airiños de Fene. A partir das 14.00 e ata as 19.00 horas, a música continuará coa actuación de Rayones e un DJ, que amenizarán a sesión vermú e a sobremesa.

Un dos momentos centrais da celebración chegará ás 15.00 horas, coa degustación de petiscos de paella, nunha proposta que busca fomentar tamén a convivencia arredor da gastronomía.

Todas as actividades desenvolveranse na Praza do Alcalde Ramón J. Souto González, configurando unha programación que combina música en directo, baile, actividades infantís, gastronomía popular e tradición para recuperar unha das celebracións máis representativas da parroquia de Fene.

Desde o Concello fan un chamamento á participación da veciñanza para contribuír a relanzar esta histórica cita festiva e consolidar de novo as festas patronais de San Salvador como un referente do verán no municipio.

Deja un comentario