Thursday 30 de July de 2026

Máis poboación, menos médicos: o BNG reclama cubrir todos os médicos en Ribeira e Aguiño


Luís Pérez Barral: “É inadmisible que en pleno verán, coa poboación multiplicándose e en plena celebración das festas, a Xunta continúe sen garantir unha atención sanitaria digna”.

O Bloque Nacionalista Galego volveu participar hoxe na concentración convocada diante do centro de saúde de Ribeira para reclamar á Consellería de Sanidade a cobertura das prazas vacantes, das baixas e vacacións do persoal médico, unha situación que está a provocar un progresivo deterioro da atención sanitaria no municipio.

O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, advertiu de que “estamos nun momento de moita presión asistencial, cun importante incremento da poboación durante o verán e coincidindo ademais coa celebración das festas, polo que resulta incomprensible que a Xunta se negue a dotar o centro de saúde do persoal que debería ter”.

Aumento nos tempos de espera

Segundo denuncia a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública ou o BNG, na actualidade continúan sen cubrirse dúas baixas médicas no centro de saúde de Ribeira, ao que se suma a falta de substitución das vacacións dos profesionais. Esta situación está a provocar un aumento considerable dos tempos de espera para conseguir cita na atención primaria, obrigando a moitas persoas a recorrer ao servizo de urxencias como única alternativa para seren atendidas.

“O colapso das urxencias non é consecuencia dun aumento puntual da demanda, senón da incapacidade do Partido Popular para garantir unha atención primaria forte e dotada dos profesionais necesarios”, sinalou Pérez Barral.

A situación tamén é especialmente preocupante no centro de saúde de Aguiño. O BNG denuncia que seguen sen cubrirse as dúas prazas médicas que lle corresponden, de maneira que a atención sanitaria queda reducida practicamente á presenza dunha única facultativa durante apenas tres horas ao día, o que está a provocar importantes atrasos nas consultas e un evidente prexuízo para a veciñanza.

O Bloque reclama á Consellería de Sanidade que rectifique e adopte as medidas necesarias para garantir unha asistencia sanitaria pública de calidade tanto en Ribeira como en Aguiño, cubrindo todas as baixas, vacacións e prazas vacantes.

Ao mesmo tempo, o BNG lamenta a “absoluta pasividade” do goberno municipal de Ribeira, ao que acusa de permanecer desaparecido ante un problema que afecta directamente ao benestar da veciñanza.

“Botamos en falta un goberno que se poña ao lado da veciñanza e defenda con firmeza un dos servizos públicos máis importantes que temos como sociedade. Vemos como María Sampedro segue priorizando as siglas do PP antes que os dereitos da veciñanza cando sanidade pública merece un compromiso claro e unha defensa decidida por parte de todas e todos”, concluíu Luís Pérez Barral.

Deja un comentario