Monday 25 de November de 2024

Marcos Muíño parte á conquista de Sudáfrica co Raid Gallaecia Expedition Race Fridama


O domingo comeza en Sudáfrica a Expedition Africa, unha das probas que compoñen as series mundiais de carreiras de aventura. Serán seis días non-stop -é dicir, o de parar comer e durmir é cousa de cadaquén- e arredor de 500 quilómetros que haberá que cubrir alternando distintas disciplinas. A Expedition Africa é un reto estremo de orientación onde os equipos participantes só dispoñen dun compás e un mapa, pero tamén da súa capacidade para traballaren man con man. Un inferno para corpos e mentes no que estará metido o deportista natural de Bardaos Marcos Muíño (primeiro pola esquerda na foto). Forma parte do Raid Gallaecia Fridama xunto cos tamén galegos Pablo López e Felipe Peña e a británica Sabrina Verjee. Muíño e o resto da escuadra tentarán rematar a proba dunha peza e cun tempo que lles permita continuar subindo no ranking mundial, onde marchan en 33ª posición.

O equipo chegou este xoves a Johannesburgo e arestora estará xa en George, unha vila situada a medio camiño entre Cidade do Cabo e Port Elizabeth, en pleno corazón da coñecida como Garden Route. Trátase dunha zona de alto valor paisaxístico con bosques, ríos, barrancos e un clima mediterráneo. Ese é o escenario da Expedition Africa desde o domingo e ata, aproximadamente, o venres-sábado da semana que vén.

Marcos Muíño explicábanos a través do facebook hai uns días como discorren este tipo de probas. “É unha carreira non-stop. Isto quere dicir que se queres parar a durmir tíraste na cuneta e dormes, pero non estás obligado a facelo, e o normal soe ser non durmir os primeiros días, e logo como moito un par de horas ó día”. Nas carreiras de aventura o primordial é a orientación. Tal e como conta Muíño “haberá que percorrer 520 quilómetros alternando as disciplinas de carreira a pé, en btt, kaiak no mar e tamén en auga doce, barranquismo,… todo isto localizando puntos de control que a organización ubica no terreno, e axudándonos únicamente dun mapa e un compás”. “Unha cousa divertidísima, vamos, ata que levas tres días sen durmir e a cousa empeza a parecer masoquismo”, bromea o deportista natural de Bardaos.

A carreira desenvólvese en equipos formados por catro persoas. Marcos Muíño acumula unha longa experiencia nesta modalidade de deporte estremo. De feito, o verán pasado correu en Irlanda o campionato de Europa e no mes de setembro participou en Francia noutra proba das series mundiais, ademais de ser un incondicional das carreiras de aventura, das carreiras de orientación a pé e das carreiras de orientación en bicicleta que se disputan en Galicia. Retos que, a diferenza do africano, “adoitan ser de só un día, cunha duración de oito ou dez horas para os raids e de unha a tres horas para os de orientación”.

Como apaixoado deste deporte, Marcos Muíño promociónao sempre que pode e mesmo está involucrado na organización da Raid Gallaecia, unha das citas do calendario mundial. A última edición foi en 2015 e a próxima será en maio de 2017. Daquela o escenario elixido serán as comarcas de Ferrol, o Eume e o Ortegal, polo que o máis seguro é que San Sadurniño sexa lugar de paso da proba. Quen sabe… igual algunha das balizas se sitúa no Couto Agudo.