A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, reuniuse esta mañá coa concelleira de Medio Ambiente da cidade herculina, María García
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará, dentro das súas competencias, na retirada de plantas exóticas invasoras presentes na cidade da Coruña.
Así llo trasladou hoxe a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, á concelleira de Medio Ambiente da cidade herculina, María García, durante unha xuntanza mantida en Santiago de Compostela.
O departamento autonómico conta con diversas actuacións para facer fronte ás plantas exóticas invasoras. En xeral, estas medidas articúlanse ao redor de cinco eixos: avaliación previa e planificación; prevención; detección temperá e resposta rápida; erradicación e control; e seguimento.
Unha especie exótica é aquela que se atopa fóra da súa área natural de distribución por causas humanas, ben de maneira intencionada ou accidental, e é capaz de reproducirse e perpetuarse no novo medio. Considérase invasora cando constitúe un factor que ameaza os ecosistemas orixinais e a supervivencia das especies autóctonas.