As palabras da reitora da USC marcan o inicio das festas do verán
Ribeira dá a benvida ás festas do verán co pregón a cargo da veciña de Artes e reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, quen dirixiu unhas palabras á cidadanía congregada na praza do Concello na compaña da alcaldesa, María Sampedro; do concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes; do conselleiro de Cultura, José López; e da conselleira de Política Social, Fabiola García.
A rexedora encargouse de introducir á pregoeira e, neste senso, destacou que “o pregón debe ser un altofalante para os nosos veciños e veciñas, para sentirnos orgullosos de onde somos capaces de chegar, para inspirarnos. E Rosa é o perfecto exemplo do orgullo ribeirense que queremos transmitir. Esta veciña de Artes converteuse na primeira muller en acadar a Reitoría nos 531 anos de historia da USC; a institución educativa máis importante de Galicia e unha das que ocupan os postos máis altos no panorama nacional.” Sampedro tamén se referiu a que, o fito histórico acadado por Crujeiras, representa tamén “un mérito colectivo; proba de que con esforzo, traballo e dedicación podemos chegar onde nos propoñamos.”
Na súa intervención, a mandataria local puxo en valor que “dende o Concello preparamos unha programación pensada para tódolos nosos veciños e veciñas, desa que busca crear grandes vivencias para tódalas idades e gustos. Porque somos conscientes de que estes festexos forman parte da nosa idiosincrasia, de todos nós, xerando recordos que protagonizan os nosos veráns. ¿O resultado?
Un cartel ambicioso, á altura de todos e todas vós.” Doutra banda, a pregoeira comezou a súa intervención coas seguintes palabras: “hai lugares que nunca deixamos atrás. Mesmo cando marchamos, seguen connosco. Hai un arrecendo a salitre, unha luz sobre o mar, un recordo da infancia ou unha maneira de falar que nos acompañan toda a vida. Para min ese lugar é Ribeira. É Artes. A Teixoeira, onde nacín e medrei.”
Para Crujeiras, “un pregón non se escribe só coa cabeza. Escríbese tamén coa memoria e co corazón. E, mentres preparaba estas palabras, decateime de que, en realidade, todo o que quería contar podía resumirse nunha idea moi sinxela: o orgullo de ser de Ribeira.”
Ao seu xuízo, ser de Ribeira é saber que non é un único lugar, que son nove parroquias, cada unha coa súa historia, personalidade e maneira de entender a vida, unidas por unha soa forma de sentir o municipio; medrar sabendo que o mar nunca está lonxe; aprender tamén a acoller; recoñecerse na maneira de falar; levar esta terra alá onde se vaia; saber que ningún camiño se fai en solitario.
“Haberá quen regrese á casa despois de moitos meses fóra e haberá quen descubra por primeira vez estas festas. Oxalá todos atopen o mesmo: unha Ribeira orgullosa do seu pasado, confiada no seu futuro e, sobre todo, feliz de celebrarse a si mesma”, manifestou a reitora.
Axenda das festas
O programa arrancou neste mércores, 29 de xullo, co Día dedicado ao Tecido Social e a Cidadanía, co pregón. A orquestra Panorama foi a encargada de abrir musicalmente esta primeira xornada de celebracións, ás 23.00 horas, na explanada da lonxa vella. Durante a mañá houbo ruada cun grupo de música tradicional, ás 10.00 horas; o espectáculo familiar Cabicivai, de Pablísimo, ás 12.00 horas, na praza de Porta do Sol; o campionato de xadrez na Casa da Xuventude, ás 16.30 horas; e a exhibición de taekwondo co Natural Sport, ás 20.30 horas, na praza do Concello.
A protagonista do xoves, 30 de xullo, será a orquestra París de Noia no Día dedicado á Emigración. A verbena será ás 23.00 horas, no Malecón. Nesa mesma xornada contarase novamente con ruada, ás 10.00 horas; o concerto familiar Brinca vai, de Paco Nogueiras, ás 12.00 horas, na praza de Porta do Sol; e a inauguración da exposición Mulleres, de Jontxu Argibay, ás 21.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas.
No Día dedicado á Mocidade e Poboación Infantil, no venres, 31 de xullo, o ritmo da noite virá marcado pola orquestra Olympus, ás 23.00 horas, no Malecón, e o Ribeira Urban Fest, ás 23.00 horas, na explanada da lonxa vella, con Lg1do como cabeza xunto a outros DJ.
Non faltará tampouco a ruada, ás 10.00 horas; o mercadiño solidario de A Creba ás 11.30 horas, na rúa Rosalía de Castro; o gran parque de inchables, con tobogán de auga e pintacaras, ás 11.30 horas, no parque García Bayón; a sesión vermú con Chiña, na praza de Vigo, ás 12.30 horas; o torneo 3×3 de baloncesto, a partir das 16.00 horas, na pista de Pedra Pateira; novamente o gran parque de inchables, ás 18.00 horas; e a festa da escuma, ás 20.00 horas, tamén no García Bayón.
O sábado, 1 de agosto, Día da Virxe do Carme dedicado á Xente do Mar, conta tamén cunha ampla oferta de actividades. Tras a ruada das 10.00 horas procederase cun circuíto sensorial de Ágape, na praza do Concello, ás 11.30 horas, para, ás 13.00 horas, asistir á gran sardiñada en Bandourrío amenizada por Drippers, coa colaboración da asociación deste barrio ribeirense. A esa mesma hora, na praza dos Mariñeiros, ofrecerase unha degustación gratuíta con peixe OPP83 Sociedade Galega Cooperativa do Mar Santa Uxía, organizado coa financiación da Xunta de Galicia e o FEMPA.
Xa pola tarde será o momento da misa solemne na honra da Virxe do Carme cantada pola Coral do Circuíto Mercantil de Ribeira, ás 18.30 horas, na lonxa nova. Despois, sairá a procesión marítima e terrestre coa actuación das Cantareiras de Amas de Casa de Ribeira, na lonxa, durante a comitiva por mar. No desenvolvemento deste oficio colaboran Alfaia e Amas de Casa. Ás 19.30 horas disputarse o trofeo de fútbol no campo municipal da Fieiteira entre o Cidade de Ribeira e o Pontevedra B. A música da noite virá da man da orquestra Miramar, ás 22.30 horas, no Malecón, e Café Quijano, ás 23.30 horas, na praza de España. A maiores, Planet Discomóbil e Mateo Abelleira actuarán na praza de Pontevedra, ás 01.00 horas.
Para o domingo, 2 de agosto, Día Dedicado aos Nosos Maiores, contémplase o Orballo Cultural, na praza de España, ás 21.00 horas, cos concertos de Catuxa Salom e Fillas de Cassandra. Tamén soará New York, ás 00.30 horas, no Malecón, e, ás 02.00 horas, o DJ. Nesa mesma xornada haberá ruada, ás 10.00 horas; sesión vermú con música dos 80 e 90, no parque García Bayón, con Dani Fontaíña, ás 12.30 horas; e quedada linedance con Taller Alecrín e Dani Fontaíña, na praza do Concello, ás 20.00 horas. O espectáculo de fogos de artificio, ás 00.00 horas, dende o paseo do Touro porá o broche de ouro ás festas. Ademais, haberá un servizo de préstamo de cascos de redución do ruído a cargo de BarbanTEA, a carón do edificio de Cruz Vermella, no Malecón.
Finalmente e como xa é tradición, no luns, 3 de agosto, polo Día do Neno e da Nena, tódalas atraccións de feira terán prezos populares.
O horario sen música e ruído para a inclusividade de persoas neuridiverxentes ou con sensibilidade sensorial e auditiva será tódolos días, de 20.00 a 21.30 horas, na zona das atraccións, coa colaboración de Ágape, BarbanTEA e os feirantes.
O Concello de Ribeira habilita tamén puntos violeta para información, atención e acompañamento fronte ás violencias machistas. Será no mércores, 29 de xullo, na entrada da rotonda en homenaxe ás Amas de Casa, de 23.00 a 03.00 horas; no xoves, 30 de xullo, no Malecón, a carón de Cruz Vermella, de 23.00 a 03.00 horas; no venres, 31 de xullo, novamente na contorna da rotonda das Amas de Casa, de 23.00 a 05.30 horas; no sábado, 1 de agosto, na praza de Pontevedra, de 24.00 a 06.00 horas; e no domingo, 2 de agosto, novamente preto de Cruz Vermella, de 22.30 a 03.00 horas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.