Guinarte insta ao Goberno de Sanmartín a acelerar, xunto coa Xunta de Rueda, a tramitación das 29 novas licenzas de taxi tras máis de dous anos de demora nun procedemento imprescindible para a mobilidade da cidade.
O voceiro socialista lembra que os novos vehículos non estarán operativos ata a primavera de 2027 e alerta da necesidade de anticiparse ao incremento da demanda que traerá o próximo Xacobeo.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, reclamou ao Concello de Santiago e á Xunta de Galicia que aceleren a tramitación das 29 novas licenzas de taxi, despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase o concurso para a súa concesión, un paso que chega máis de dous anos despois da solicitude de autorización remitida polo Concello á administración autonómica.
Guinarte valorou a aprobación deste avance, pero advertiu de que agora é imprescindible garantir “a máxima axilidade no que resta de tramitación”, xa que, malia tratarse “dun procedemento complexo”, considera que “as demoras acumuladas ata o momento resultan inxustificables” e insistiu en que “non poden repetirse nesta fase final ata a concesión definitiva das licenzas”.
O voceiro socialista lembrou que, segundo as previsións actuais, “os novos taxis non estarán operativos ata a primavera de 2027”, un calendario que, ao seu xuízo, “obriga a acelerar ao máximo os trámites pendentes” e “a evitar novas demoras nun procedemento que xa se prolongou durante demasiado tempo”.
Guinarte incidiu en que reforzar a frota de taxis é unha necesidade para Santiago, ao tratarse dun servizo que debe responder tanto ás necesidades da veciñanza como das persoas que visitan a cidade. Neste sentido, advertiu de que “Santiago necesita reforzar canto antes este servizo esencial”, especialmente “ás portas dun novo Ano Xacobeo”, que “volverá incrementar de forma significativa a demanda de mobilidade na cidade”.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista insta ao Concello e á Xunta a colaborar para culminar este procedemento “coa máxima axilidade” e evitar que “as demoras acumuladas ata o momento” volvan condicionar a posta en marcha das novas licenzas. Porque, como subliña Gumersindo Guinarte, “Santiago necesita reforzar canto antes este servizo esencial”, especialmente “ás portas dun novo Ano Xacobeo”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.