Tuesday 28 de July de 2026

“Troca e Retroca”: a Concellaría de Dereitos Sociais e a asociación Acougo poñen en marcha un banco de recursos para a infancia


A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais e a Asociación de Familias Acolledoras de Galicia, Acougo, veñen de poñer en marcha o proxecto “Troca e Retroca”, un banco de recursos para a infancia que pretende garantir a igualdade de oportunidades entre as familias e axudar a cubrir as necesidades daquelas en situación de maior vulnerabilidade. A concelleira María Rozas e a directora da entidade, Carmen Dourado, presentaron hoxe o proxecto, que tamén aposta pola sustentabilidade, a reutilización de recursos e a diminución do consumo.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que este proxecto “súmase ás ferramentas que temos habilitadas desde o Concello para atender as necesidades das familias, especialmente daquelas que se enfrontan a situacións de vulnerabilidade derivadas de factores económicos ou sociais”. María Rozas sinalou que o banco de recursos “permite articular redes de apoio comunitarias e fomentar a corresponsabilidade social”, e puxo en valor que esta colaboración con Acougo “pretende tamén dar a coñecer o importantísimo papel que desenvolven as familias acolledoras, que permiten que nenos, nenas e adolescentes medren nun ambiente familiar cando as súas familias de orixe non poden facerse cargo da súa crianza”. Nese sentido, a tenenta de alcaldesa reivindicou “o dereito fundamental a vivir en familia, que é a mellor maneira de garantir un axeitado desenvolvemento dos e das menores, fronte ao modelo dos centros de acollida”

Pola súa banda, Carmen Dourado agradeceu o apoio da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais nun proxecto que “nos permite compartir solidariedade e facer tribo entre as familias”. Tamén fixo unha chamada á colaboración da veciñanza co banco de recursos “desde a premisa de defender a dignidade das persoas e apoiar ao tempo a economía circular”.

Apoio ás familias e aposta pola sustentabilidade

“Troca e Retroca” ten como obxectivo contribuir a “remover todos os obstáculos que poidan impedir o funcionamento axeitado das familias e protexer así os dereitos da infancia”. O banco de recursos está dirixido a todas as familias acolledoras e en situación de vulnerabilidade, con especial atención ás familias monomarentais, numerosas, e migrantes. Co proxecto poden colaborar todas aquelas persoas que conten con recursos para a infancia que poidan ser reutilizados.

Ademais de facilitar o acceso aos recursos materiais para a crianza, o banco de recursos quere contribuir “á creaciónd de redes de apoio entre as familias, porque este instrumento axuda á conexión entre persoas en situacións semellantes e permite tecer redes de apoio informais nas que compartir experiencias e coñecementos”.

Ao tempo, o banco de recursos susténtase no principio da sustentabilidade, xa que permite a reutilización de produtos e enseres que se usan fundamentalmente na primeira infancia e por un periodo breve de tempo. É o caso da roupa, que tal e como lembra Acougo, “é imposible de reciclar de forma eficaz, é responsable do 10% de todas as emisións de CO2, e só en España tíranse 325.000 toneladas de roupa ao ano, segundo datos de Greenpeace”. O mesmo acontece con outros utensilios relacionados coa crianza, como berces, cadeiras, carriños ou tronas; e tamén con material escolar ou xoguetes que os nenos e nenas utilizan durante unha etapa determinada, e que poden ser reutilizados para reducir o consumo e paliar a súa pegada ambiental.

O banco de recursos “Troca e Retroca” estará localizado na sede de Acougo, na rúa de Sánchez Freire, e funcionará durante todo o ano. As instalacións estarán abertas dous días á semana en horario de mañá e outros dous en horario de tarde.

As persoas interesadas en colaborar poden pedir máis información no teléfono 610785604.

Deja un comentario