Tuesday 28 de July de 2026

O PSdeG denuncia que a caída da escultura de Rodrigo de Padrón evidencia o abandono do patrimonio escultórico de Santiago


Marta Abal lembra que o Pleno aprobou en marzo, a proposta socialista, a restauración das esculturas deste ámbito, pero o Goberno de Sanmartín non executou o acordo.

A concelleira reclama a recuperación inmediata da peza e unha revisión do estado de conservación do conxunto do patrimonio escultórico da cidade.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, denunciou que a caída da escultura de Rubén García Juncal, situada na avenida de Rodrigo de Padrón, evidencia a falta de mantemento do patrimonio escultórico da cidade e o incumprimento dun acordo plenario aprobado hai apenas uns meses para restaurar estes elementos.
Abal explicou que no día de onte puideron comprobar que a escultura “rompera pola base e caera ao chan” e advertiu de que “todo parece indicar” que esta situación é consecuencia do seu “progresivo deterioro” e da “falta de mantemento e conservación”, unha situación que, ao seu xuízo, podía terse evitado cun seguimento adecuado.
A concelleira lembrou que, “no mes de marzo de 2026”, o Grupo Municipal Socialista xa solicitara “a restauración dos elementos escultóricos existentes neste ámbito” no marco dunha proposición para mellorar a mobilidade e avanzar na humanización de Rodrigo de Padrón, a avenida de Figueroa, Fonseca e San Clemente. A iniciativa “foi aprobada polo Pleno”, pero denunciou que “o Goberno municipal non adoptou as medidas necesarias para cumprir o acordo”.
Para Marta Abal, “o resultado está á vista”, xa que, ante o deterioro dunha peza do patrimonio escultórico da cidade, “non houbo unha actuación preventiva” que permitise “conservala e evitar a súa rotura”. A edil socialista insistiu en que a conservación do patrimonio require planificación e un mantemento continuado, non actuacións cando os danos xa son irreversibles.
A socialista subliñou ademais que “o patrimonio escultórico forma parte do espazo público urbano” e que “todos os seus elementos deben gozar dun mantemento adecuado”, “sen que uns reciban un trato preferente fronte a outros”. Ao seu xuízo, o Concello debe aplicar os mesmos criterios de conservación ao conxunto das esculturas distribuídas pola cidade.
Por iso, reclamou que “se actúe de inmediato para recuperar esta peza” e que “se revise o estado do resto dos elementos escultóricos da cidade”. Abal concluíu lembrando que “a rotura desta escultura podíase ter evitado” e que “o Concello ten o deber esencial de conservar o patrimonio do que dispón”, tamén “o patrimonio escultórico presente nas nosas rúas e prazas”.

Deja un comentario