Tuesday 28 de July de 2026

O BNG denuncia que a mala xestión do PP obriga a Ribeira a pagar máis de 100.000€ por unha nova sentenza de contratación irregular


Máis de 100.000 euros do recente suplemento de crédito irán destinar se a pagar a condena xudicial dunha traballadora mantida máis de 13 anos como “falsa autónoma” durante os gobernos do PP.

O portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, lamenta que os cartos públicos da veciñanza, neste caso máis de 100.000€, teñan que ir parar a “pagar os pufos e apaños do Partido Popular” en vez de mellorar servizos básicos.

O BNG de Ribeira puxo de manifesto no último Pleno municipal a dobre cara do expediente de suplemento de crédito por valor de 877.000 euros aprobado pola Corporación Municipal. Por unha banda, congratúlase de que se inclúan partidas orzamentarias para facer propostas que defende o BNG como o reforzo en servizos básicos como os 200.000€ destinados a saneamentos, os 150.000€ para a pavimentación da avenida de Ferrol ou os 25.000€ destinados a seguranza viaria mais o BNG denunciou con contundencia que máis de 100.000 euros do diñeiro de todos os veciños e veciñas terán que empregarse para facer fronte ás consecuencias duna nova sentenza xudicial en contra do Concello derivada da “nefasta xestión” do Partido Popular.

En concreto, a sentenza do Xulgado do Social Nº 1 de Santiago de Compostela condena ao Concello de Ribeira a asumir a responsabilidade polas irregularidades coas que se contratou a unha traballadora municipal. A sentenza determina que a empregada prestou servizos de conserxaría e limpeza entre xaneiro de 1991 e decembro de 2004 mediante un contrato administrativo encuberto e facturando mensualmente como falsa autónoma, sen que o Concello a dera de alta na Seguridade Social nin cotizase por ela durante máis de 13 anos.

O portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, mostrouse moi crítico co impacto económico que este tipo de condenas teñen nas arcas municipais. “Vemos como, unha vez máis, os recursos públicos dos veciños e veciñas de Ribeira deben ir para pagar as consecuencias dunha forma de gobernar irresponsable. ¿Que poderiamos facer en Ribeira con 100.000 euros? Poderiamos ampliar a rede de saneamento, renovar abastecementos de auga, pavimentar novas rúas ou mellorar os parques infantís. En definitiva, poderiamos seguir transformando o concello en positivo pero non, ese diñeiro vai ir parar a reparar os erros e o desleixo do PP, que unha vez máis fai que a veciñanza pague do seu peto o custo das súas irregularidades.”

A irresponsabilidade do PP sáelle cara á veciñanza e hipoteca as arcas municipais
Desde o BNG advirten de que esta sentenza non é un caso illado, senón que forma parte duna dinámica continuada de mala xestión durante os mandatos do Partido Popular. Pérez Barral lembrou o caso grave da sentenza que obrigou a derrubar a gasolineira en Xarás e as consecuencias que poden carrear para o Concello de Ribeira cunha sanción que podería chegar a 4 millóns de euros. “Esta contía sumada coa débeda que xerou o Partido Popular de 13 millóns de euros pode poñer en risco as arcas municipais e avocar a unha suba de impostos” adevertiu o portavoz nacionalista.

Barral tamén lembrou a pretensión do Partido Popular de cambiar a localización da residencia pública de maiores supón tirar directamente ao lixo máis de 800.000 euros de diñeiro público xa executados na compra da parcela nas Saíñas, derrubo da antiga discoteca e proxecto construtivo que quedarían inservibles. Ademais, querer cambiar de localización para San Roque implica un atraso considerable para unha infraestrutura necesaria para as persoas maiores mentres que, de seguir os plans previstos para facela en Coroso, podería estar este mesmo ano en construción.

“Isto amosa ás claras a existencia de dous modelos de goberno ben diferenciados: un modelo como o que desenvolvemos desde o BNG nos dous anos e medio na Alcaldía, onde cada euro público se xestionou con rigor e se destinou a mellorar as rúas, o saneamento e os servizos básicos; e outro modelo, o do PP, que obriga unha e outra vez á cidadanía a asumir o custo dos seus calotes, condenas e malas decisións.”

Pérez Barral concluíu afirmando que fronte a esa nefasta xestión de dilapidar os cartos públicos e sumar condenas xudiciais, hai unha Ribeira que quere avanzar con orgullo. Nós xa demostramos que é posible gobernar con transparencia e participación, e imos traballar con ilusión para devolverlle á veciñanza un goberno honesto que invista os recursos públicos con sentido común, centrado nas persoas e construíndo unha Ribeira mellor.

Deja un comentario