Tuesday 28 de July de 2026

O IES Isidro Parga Pondal abre o prazo de matrícula para a súa oferta educativa de adultos co obxectivo de ofrecer unha segunda oportunidade formativa en Carballo


O centro conta con prazas dispoñibles en Ensinanzas Iniciais, Secundaria para Adultos (ESPA) e Bacharelato en horario de tarde, así como no programa Aula Mentor

O IES Isidro Parga Pondal de Carballo mantén aberto o prazo de inscrición e matrícula para a súa oferta de Educación para Persoas Adultas durante o que resta do mes de xullo (en horario de mañá, de 09:00 a 14:00 horas) e reanudará o proceso no mes de setembro. A iniciativa busca animar á poboación da comarca a retomar os seus estudos, actualizar as súas titulacións ou adquirir competencias básicas para o seu desenvolvemento persoal e laboral.

A oferta, dirixida xeralmente a maiores de 18 anos (e a partir de 16 anos en situacións excepcionais como ter un contrato de traballo), estrutúrase en tres programas principais adaptados ás necesidades de cada perfil:

Educación Básica Integrada (EBI) / Ensinanzas Iniciais: Pensada para persoas que non puideron completar a educación fundamental ou precisan adquirir técnicas de lecto-escritura, cálculo e razoamento matemático. Este programa resulta especialmente útil e acolledor para a integración de persoas migrantes que precisan consolidar a súa base educativa. Contempla 12 sesións semanais divididas nos ámbitos de Comunicación, Competencia Matemática e Ciencia, e Sociedade e Tecnoloxía.

Educación Secundaria para Persoas Adultas (ESPA): Orientada á obtención do Título de Graduado en ESO. É un programa flexibilizado en catro módulos cuadrimestrales que permite completar a etapa en dous cursos. Está dirixido tanto a quen non completou a ESO na súa etapa ordinaria como a persoas que teñen o antigo Graduado Escolar (EGB) e necesitan actualizar a súa titulación para acceder a ciclos de Formación Profesional ou a cursos do SEPE.

Bacharelato para Adultos: Ofrece unha estrutura equivalente á do bacharelato ordinario pero en horario de tarde e coa posibilidade de cursalo de xeito flexible (matriculándose por materias soltas segundo a dispoñibilidade do alumnado). Impártense as modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais.

Ademais, o instituto conta coa Aula Mentor, un sistema de formación aberta, libre e a distancia a través de internet para quen busque ampliar competencias profesionais de forma autónoma.

Información e Matrícula:
As persoas interesadas poden formalizar a súa solicitude ou solicitar máis información na secretaría do propio centro:
Lugar: IES Isidro Parga Pondal (Rúa Muiño da pintura, 4, 15100 Carballo).
Horario de xullo: De luns a venres, de 09:00 a 14:00 h.
Teléfono: 881 880 371
Correo electrónico: ies.parga.pondal@edu.xunta.gal

Deja un comentario