Tuesday 28 de July de 2026

O Concello de Ribeira aproba o reforzo de servizos básicos con preto de 900.000 euros


 Servirá para financiar obras de saneamento, pavimentacións e a climatización da Escola Infantil Municipal

A Corporación municipal de Ribeira celebrou na tarde de onte o Pleno ordinario correspondente ao mes de xullo de 2026 que tivo como un dos seus puntos centrais na orde do día a aprobación inicial do suplemento de crédito 1/2026 por importe de 877.884,49 euros con cargo ao remanente líquido de Tesouraría para financiación de accións tales como:
– Obras de saneamento (200.000 euros): colocación de bombeos en Canaveiro, na parroquia de Oleiros; en Espiñeirido e Campelos, na de Olveira; e en Lixó e San Pedro, en Palmeira.
– Melloras en colexios (145.209 euros): climatización da Escola Infantil Municipal.
– Obras de pavimentación (150.000 euros): primeira fase de renovación do aglomerado da avenida de Ferrol e da súa liña de abastecemento. Dáse así cumprimento ao acordo plenario.
– Programa de bonos AmaRibeira (100.000 euros) para unha nova edición dados os máis de 6.000 bonos descargados nesta convocatoria.
– Gastos de persoal imprevistos (104.144,32 euros): pago dunha sentencia do 2025 á Tesouraría da Seguridade Social por unha ex-empregada municipal que traballou para o antigo patronato de deportes e regularizou a súa situación laboral.
– Inversión en edificios e outras construcións deportivas (40.000 euros): mellora da bancada do campo de fútbol sintético da Fieiteira, cambio do chan do ximnasio do complexo deportivo, mellora da iluminación nos polideportivos de Artes e Palmeira e actuacións no campo da Trinidade de Oleiros.
– Organización de actividades deportivas (38.000 euros).
– Adquisición de maquinaria para a Concellería de Obras (30.208 euros) para mellorar as condicións desta brigada e o resultado na sociedade.
– Material de control de tráfico (25.560 euros): adquisición de 10 radares pedagóxicos para colocar en distintos puntos do municipio.
– Maquinaria deportiva para o Centro de Deportes Náuticos (20.000 euros).
– Outras accións de apoio e dinamización comercial (15.000 euros).
– Rehabilitación das deficiencias da iluminación do aparcamento do Centenario (9.773,17 euros).
“Todas estas medidas dan resposta a servizos básicos como son o saneamento e pavimentacións ou as melloras nos colexios, o cal redunda positivamente na cidadanía de Ribeira, en incrementar as prestacións e facilitar o seu día a día que é ao que nos debemos como Concello. Non estamos falando de gastos, senón de investimentos”, defendeu a alcaldesa, María Sampedro. A rexedora remarcou que “son accións necesarias que precisan dunha resposta e que non se poden aprazar nin poñer en dúbida.” O dito suplemento de crédito saíu adiante con 20 votos a favor (PP, PBBI, BNG, PSdePSOE e 1 non adscrito) e 1 en contra (concelleiro non adscrito).

Outra das propostas que puxo o goberno municipal sobre a mesa e que saíu adiante por unanimidade foi a de adhesión á Rede Española de Capitais da Cultura; unha iniciativa que pon en marcha a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para promover a cultura como eixo estratéxico do desenvolvemento urbano, motor de cohesión social, identidade e proxección internacional. En consecuencia, permitirá ao Concello de Ribeira participar activamente nesta Rede e incorporar á acción municipal accións para seguir defendendo e promovendo a cultura, así como reforzar o papel activo da Administración local na planificación, xestión e proxección das políticas culturais. Formar parte da mesma posibilitará, ademais, acceder a un espazo de cooperación directa no que compartir experiencias de xestión cultural, programación e innovación urbana.

Deseguido abordouse a proposta presentada polo grupo non adscrito sobre a instalación de baños portátiles nas festas das parroquias para garantir estes servizos en tódalas celebracións patronais e populares, adaptando a súa prestación aos días de festexos e previsión de asistencia aos mesmos, ademais de que, polo menos, un dos aseos, sexa accesible para persoas con mobilidade reducida.
Ante isto, o executivo local levou unha emenda de substitución, aprobada por unanimidade, na que se acorda que o Concello estudará a colocación destes baños públicos portátiles en función da viabilidade económica.

En canto a pavimentacións versou a proposta do BNG que atinxe á rúa Barreira para que se redacte un proxecto de renovación do asfalto e se habilite unha partida orzamentaria destinada a tal fin, así como a implantación de medidas que impidan a invasión das beirarrúas e unha nova sinalización horizontal da vía, incluíndo a execución de pasos peonís. O equipo liderado por Sampedro presentou unha emenda de substitución á totalidade, que saíu adiante por unanimidade, centrada en que se procederá coa pavimentación de varias rúas de Ribeira en virtude do estudo feito no plan de pavimentación do actual goberno e tamén se estudará, xunto coa Policía local, a colocación de ditos pasos peonís e a sinalización horizontal tendo en conta os criterios técnicos.

No que atinxe a acondicionamento, o PSdeG-PSOE expuxo unha actuación de limpeza e acondicionamento do lavadoiro da Penisqueira e da súa contorna; asunto ao que o goberno municipal presentou unha emenda de substitución, aprobada por unanimidade, na que se compromete a realizar un programa de mantemento e conservación periódico de tódolos elementos patrimoniais do termo municipal con cargo á partida existente no orzamento para este fin.

A última proposta a debater foi a redacción dun regulamento municipal para o control e a ordenación do estacionamento de caravanas, autocaravanas e vehículos vivenda a petición dos socialistas; unha cuestión que contou co respaldo unánime da Corporación.

Deja un comentario