A Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases reguladoras do concurso para a adxudicación de 29 novas licenzas de taxi, todas elas para vehículos adaptados para persoas con mobilidade reducida, se ben non serán de uso exclusivo para estes usuarios e usuarias. O prazo para a presentación das solicitudes rematará o 18 de setembro. O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, deu conta da convocatoria e lembrou que “esta será a primeira ampliación do número de licenzas de taxi en Santiago desde 1998”. O edil mostrouse convencido de que “este procedemento, sumado á adxudicación do contrato dos autobuses, marca o inicio do novo tempo para a mobilidade en Compostela”
Xan Duro explicou que Santiago ten operativas a día de hoxe 144 licenzas de taxi, “as mesmas que había en 1998 malia a evolución que viviu a cidade en termos de poboación, poboación vinculada e presión turística”. Nese sentido, o concelleiro recordou que na actualidade cúmprese a ratio legal de un taxi por cada mil habitantes, “pero acreditamos diante da Xunta de Galicia, administración que debe autorizar as novas licenzas, que a oferta non se axusta á demanda real de Compostela porque por cada 100 persoas residentes, hai outras 77 con vínculos na cidade por razóns de estudos, traballo ou outras causas”. Ademais, insistiu, “non era lóxico ter os mesmos taxis operativos que hai dez anos, cando neste tempo gañamos 4.000 habitantes, máis de 200.000 peregrinos e peregrinas, e 1,5 millóns de pasaxeiros e pasaxeiras no aeroporto Rosalía de Castro”.
O concelleiro de Mobilidade sinalou que finalmente as 29 novas licenzas serán para vehículos adaptados para persoas con mobilidade reducida, “atendendo a unha solicitude do propio sector do taxi e á demanda de diferentes entidades sociais”. Xan Duro apuntou que, ainda que se cumpría a ratio legal que obriga a contar cun 5% de taxis adaptados, “as necesidades parecen ser maiores e estímase que a demanda actual tenderá a aumentar por mor do envellecemento da poboación”. O edil defendeu que “todos os veciños e veciñas teñen dereito a acceder ao transporte público en igualdade de condicións, e cando a oferta de vehículos adaptados é mínima, ese dereito non está salvagardado”.
En canto ao procedemento para a adxudicación das novas licenzas, o edil salientou que establecen criterios de valoración que “pretenden favorecer que as persoas que veñen traballando como conductores e conductoras asalariadas do taxi accedan á súa propia licenza”. Tamén se referiu ao canon para acceder á licenza, fixado en 88.000 euros “atendendo a un estudo que avalía tanto os gastos como os ingresos que xeraría a licenza, e que recolle que os prezos medios do traspaso de licenzas en Santiago situouse nos últimos anos entre 140.000 e 150.000 euros”.
Requisitos
O prazo de presentación de solicitudes comenzará ao día seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña e rematará o 18 de setembro de 2026.
Para acceder a unha nova licenza de taxi deberase acreditar a titularidade do vehículo de turismo en calquera réxime de utilización xuridicamente válido, e o seu cumprimento dos requirimentos técnicos esixibles. Asimesmo, será preciso dispor da capacitación profesional para prestar servizos de taxi, mediante a obtención do debido certificado de aptitude profesional expedido polo Concello de Santiago. O departamento de Mobilidade convocará e resolverá as probas pertinentes antes de remitirlle á Xunta a memoria municipal sobre o cumprimento dos requisitos para poder ser titular da licenza.
Quedarán excluidas as solicitudes das personas que sexan titulares de máis de dúas licenzas de taxi no municipio de Santiago, e aquelas que efectuaran a transmisión doutra licenza nos cinco anos inmediatamente anteriores a esta convocatoria.
Criterios de valoración
Para a valoración das solicitudes, atendendo ao establecido na Lei do Taxi de Galicia, establécense diferentes criterios de cualificación. Outorgaránse ata 50 puntos pola antigüidade da persoa solicitante como condutor ou condutora asalariada de taxi con dedicación exclusiva (2 puntos por cada ano ou fracción superior a 6 meses); e ata 35 puntos pola antigüidade como titular dunha licenza de taxi (1 punto por cada ano ou fracción superior a 6 meses). Ademais, valorarase especialmente o compromiso ambiental na elección dos vehículos para a prestación do servizo, de maneira que a adscrición dun vehículo con certificación enerxética de “0 emisións” suporá a obtención de 15 puntos, e se o vehículo é “Eco”, concederanse 10 puntos.
En caso de empate na puntuación, darase preferencia ás puntuacións máis altas obtidas nos apartados de condutor/a asalariado/a e antigüidade como condutor/a.
Procedemento de adxudicación
O concelleiro de Mobilidade explicou que a selección e adxudicación das licenzas, tal e como establece a lei, debe atender a un procedemento coordinado entre a administración local e autonómica. Así, con carácter previo á resolución do concurso, o Concello deberá remitir á Xunta de Galicia a documentación das persoas seleccionadas, para que a administración autonómica emita un informe vinculante sobre o cumprimento dos requisitos para poder ser titular de autorizacións interurbanas de taxi. Unha vez emitido ese informe, o Concello resolverá o concurso e adxudicará as licenzas de taxi e a Xunta outorgará de maneira automática a autorización interurbana.
O Concello constituirá unha comisión de valoración encargada de cualificar toda a documentación presentada polas persoas solicitantes. Tras a finalización do prazo de presentación de solicitudes, cualificarase a documentación presentada e, se fora preciso, requirirase que se complete ou se emende no prazo de 10 días hábiles. Unha vez realizada a valoración, a comisión daralle conta do resultado á Xunta de Goberno, que efectuará a proposta de resolución do proceso e trasladaralla á Xunta de Galicia para a emisión do informe vinculante sobre o cumprimento dos requisitos para poder ser titular de autorizacións interurbanas de taxi.
Se o informe da administración autonómica é favorable, a Xunta de Goberno requirirá ás 29 licitadoras propostas coma adxudicatarias para que no prazo de 20 días hábiles, a contar desde o seguinte a aquel en que recibise o requirimento, presenten a documentación que acredite a titularidade e disposición efectiva do vehículo para a prestación do servizo: contrato de compravenda, arrendamento ou renting; permiso de circulación e tarxeta de inspección técnica do vehículo ou certificado de aduana ou fabricación no caso de que o vehículo non estea ainda matriculado (neste caso concederase un prazo adicional para acreditar esa dispoñibilidade). No mesmo prazo deberase presentar a documentación sobre o seguro do vehículo, a declaración de alta no Imposto de Actividades Económicas e no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social, e o recibo acreditativo do pagamento do canon de 88.000 euros fixado no procedemento.
Se existira algunha deficiencia na documentación presentada notificarase á persoa interesada, requiríndolle para que a solvente no prazo de 10 días hábiles. De non facelo, procederase a solicitar a documentación á seguinte clasificada no proceso de valoración.
O inicio do servizo deberá iniciarse no prazo máximo dun mes desde a concesión definitiva da licenza. O incumprimento deste prazo poderá dar lugar á revogación da concesión.
As licenzas de taxi terán unha vixencia permanente, en tanto non se produza a renuncia ou o falecemento da súa persoa titular sen herdeiros, se declare a caducidade ou se acorde a súa revogación. As 29 licenzas deste concurso outórganse con carácter permanente como taxis adaptados, de maneira que se lle deberá dar cumprimento á normativa en materia de accesibilidade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.