Monday 27 de July de 2026

O BNG de Ponteceso solicita información sobre cando van comezar as obras de seguridade viaria na DP-4307


O grupo municipal nacionalista vén de rexistrar un escrito dirixido ao Servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña para coñecer o estado de tramitación dun proxecto orzado en máis dun millón de euros e que segue sen data de inicio máis de tres anos despois de ser redactado.

O Grupo Municipal do BNG de Ponteceso rexistrou un escrito dirixido ao Servizo de Vías e Obras da Deputación Provincial da Coruña no que pide información detallada sobre o estado de tramitación e a previsión de execución do proxecto de «Ampliación e mellora da seguridade vial na DP4307 Malpica-Ponteceso, P.Q. 10+820 ao 11+820 (Ponteceso)», proxecto comúnmente coñecido como “Senda de Lestimoño”.

Trátase dunha actuación de titularidade e competencia provincial, cuxo proxecto foi redactado xa en febreiro de 2023. Para o seu desenvolvemento existe un convenio de cooperación subscrito entre a Deputación e o Concello de Ponteceso, actualmente prorrogado na súa vixencia. Ademais, as expropiacións necesarias para levar a cabo a obra completáronse tamén no ano 2023, polo que a Deputación conta xa coa plena dispoñibilidade dos terreos afectados.

A pesar destes avances, os nacionalistas sinalan que as obras aínda non deron comezo, sen que o grupo municipal teña coñecemento certo da fase exacta en que se atopa a tramitación administrativa do expediente nin das causas concretas que están a motivar o atraso na súa licitación e posta en marcha..

Por este motivo, e no exercicio das funcións de control e fiscalización que lle son propias, o BNG formula un total de catro preguntas á Deputación:
1. Cal é a situación actual do expediente e en que fase exacta se atopa a súa tramitación administrativa.
2. Unha vez completado o expediente, cal é a previsión temporal para a súa publicación na plataforma de contratación do Estado e para o inicio da licitación das obras.
3. Se está garantido o financiamento íntegro da actuación e a súa compatibilidade cos prazos de vixencia do convenio subscrito co Concello de Ponteceso.
4. Se existe algunha outra circunstancia ou trámite pendente que poida condicionar ou atrasar o inicio efectivo das obras.

O escrito, asinado pola voceira nacionalista Fátima Rodríguez Gonzálvez, foi presentado na mañá do 27 de xullo no rexistro da Deputación da Coruña.

Deja un comentario