Monday 27 de July de 2026

As Casas da Mocidade ofertan numerosas actividades durante o mes de agosto


As Casas da Mocidade do Concello de Oleiros ofrecen durante o mes de agosto un amplo abano de alternativas de ocio saudable, formativo e gratuíto dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos. A programación inclúe propostas deportivas, creativas, de lecer e convivencia que se desenvolverán nas instalacións das Casas da Mocidade e noutros espazos do municipio.

As actividades comezarán o día 5 co xogo tradicional Busca a Bandeira, seguida dunha saída ao Aquapark de Cerceda o día 6. Entre o 7 e o 21 de agosto desenvolverase o obradoiro de cociña “Eres o que comes”, mentres que os días 9, 16 e 30 celebrarase unha nova edición das xornadas de kaiak na praia de Santa Cruz. O cine tamén terá protagonismo coas sesións de cine ao aire libre, previstas para os días 9 e 23.

A programación complétase cun obradoiro de resina o día 13, un torneo de tenis de mesa o 14, unha xincana o 19 e unha xornada de xogos de auga o 20. Ademais, entre o 26 e o 28 de agosto impartirase unha nova edición de “Mociradio”. O peche da programación terá lugar o día 29 coa Festa Fin de Verán, para despedir as vacacións nas Casas da Mocidade. Ao seren as prazas limitadas, é imprescindible realizar a inscrición previa a través dos canles habituais das Casas da Mocidade (@centrosmocidadeoleiros).

As actividades, así como todos os servizos das Casas da Mocidade, están destinadas a persoas de entre 12 e 30 anos e desenvólvense en espazos pensados para o encontro, o lecer e a participación xuvenil. As instalacións contan con cociña, consolas, zona chill-out exterior, futbolín, billar, ping-pong e dardos, entre outros recursos. O Goberno local anima á mocidade a participar nesta programación estival, deseñada para promover un ocio saudable, activo e gratuíto durante o mes de agosto.

Deja un comentario