· Os gobernos locais dos dous municipios presentarán esta semana senllas mocións nos seus respectivos plenos.
· Denuncian a creación dunha “área metropolitana a dúas velocidades” tras quedar excluídos da proposta inicial, que só abarca á Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.
Os gobernos locais de Bergondo (conformado polo Partido Socialista e Alternativa dos Veciños) e Sada (Sadamaioría) levarán aos seus próximos plenos unha moción para esixir á Xunta de Galicia a súa integración na nova Área de Prestación Conxunta (APC) do servizo de taxi da área da Coruña. Ambas as corporacións consideran inxustificada a súa exclusión do proxecto inicial elaborado pola administración autonómica, que por agora só integra aos municipios da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.
A creación desta Área de Prestación Conxunta, unha figura recollida na Lei 4/2013 do transporte público de Galicia, supón unha gran oportunidade para eliminar barreiras administrativas, reducir os desprazamentos en baleiro e ofrecer unha resposta máis eficaz ás necesidades reais de mobilidade da cidadanía.
Tal e como expoñen os textos das mocións e trasladan os propios profesionais do sector en Bergondo e Sada, unha parte moi importante dos servizos diarios de taxi teñen como destino a cidade da Coruña. Porén, a normativa actual impídelles recoller novos usuarios para o traxecto de regreso, obrigándoos a retornar baleiros aos seus respectivos municipios. Esta limitación incrementa notablemente os custos de explotación, reduce a dispoñibilidade efectiva dos vehículos e prexudica tanto aos profesionais como á veciñanza, que perde a oportunidade de aproveitar un servizo xa dispoñible.
Unha realidade metropolitana consolidada
Desde ambas administracións locais lembran que manteñen desde hai décadas unha estreita relación funcional coa cidade da Coruña e a súa contorna inmediata. Cada día, numerosas persoas desprázanse entre estes municipios por motivos laborais, educativos, sanitarios, administrativos, comerciais ou de lecer.
Neste sentido, as mocións advirten de que a exclusión de Sada e Bergondo transmite a sensación de que se está a configurar unha “área metropolitana a dúas velocidades”. Os municipios denuncian que esta situación non é un feito illado, lembrando que nos últimos anos xa quedaron fóra doutras decisións supramunicipais clave relacionadas coa mobilidade, como ocorreu coa planificación do transporte público universitario.
Por todo iso, os Concellos de Bergondo e Sada aclaran que non reclaman unha excepción nin un trato privilexiado, senón que se lles apliquen os mesmos criterios obxectivos que serviron para incorporar ao resto de municipios da APC.
“A mobilidade da cidadanía non entende de fronteiras administrativas e, por iso, tampouco debería facelo a planificación dos servizos públicos cando existe unha realidade funcional compartida”, conclúe o texto que defenderán os gobernos locais, defendendo un modelo de mobilidade verdadeiramente metropolitano e pensado nas necesidades reais das veciñas e veciños.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.