• O grupo das concelleiras Non Adscritas critican que Goretti Sanmartín monopolizase a entrega dos recoñecementos e relegase aos grupos municipais a un papel “meramente testimonial”
• Castro lembra que foi a propia Alcaldesa quen, na oposición, reclamaba que tódalas forzas políticas participasen na entrega dos galardóns “en representación do pleno”
A concelleira non adscrita Mila Castro lamentou que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, “rachase co consenso” acadado o pasado ano arredor da Alba de Compostela, un acto creado para recoñecer ás persoas que representan o mellor de Santiago e que, ao seu xuízo, debe manter un marcado carácter institucional e de cidade.
Castro considera que, tras a polémica xerada na primeira edición, o pasado ano conseguírase reconducir o formato da Alba de Compostela mediante o diálogo entre os diferentes grupos municipais, reforzando a imaxe de unidade da Corporación arredor das persoas homenaxeadas. Porén, entende que a decisión da alcaldesa de asumir en solitario a entrega dos galardóns supón “un paso atrás” nese consenso.
“É unha mágoa que desde o Goberno local, a propia alcaldesa se esforce en rachar co consenso que custou conseguir arredor da Alba de Compostela como un evento para reivindicar o mellor de Santiago: a súa xente. Converteu o acto deste sábado, non sabemos se nun intento cutre de activar a precampaña electoral, nun evento persoal e personalista: a Alba de Sanmartín”, afirmou.
A concelleira critica que as portavocías dos distintos grupos municipais quedasen reducidas a un papel “meramente testimonial”, rompendo co proceder acordado o pasado ano, no que a entrega dos recoñecementos simbolizaba o respaldo de toda a Corporación ás persoas distinguidas. “Foi ela soa quen entregou os galardóns. Sabiámolo, pero preferimos manter a discreción ata hoxe por respecto ás persoas homenaxeadas. Agora ben, isto non pode nin debe repetirse porque acaba ensombrecendo unha homenaxe que todas e todos compartimos por intereses persoais e partidistas”, sinalou.
Mila Castro considera especialmente contraditoria esta decisión porque lembra que foi a propia Goretti Sanmartín quen, cando exercía como portavoz do BNG na oposición, reclamaba que todos os grupos municipais participasen na entrega dos recoñecementos, apelando ao seu mandato representativo como membros da Corporación.
“Naquel momento aceptouse esa reivindicación precisamente para fortalecer o consenso institucional. Agora, como alcaldesa, sostén que a representación do Concello corresponde exclusivamente á Alcaldía e esquece aquilo que ela mesma defendía. En realidade, semella que o que preocupaba antes e agora non era a representatividade, senón quen entregaba os premios”, concluíu.
As concelleiras non adscritas reclaman que nas próximos actos se recupere o modelo consensuado, garantindo que estes actos de condecoración continúen sendo unha expresión do conxunto da Corporación e non do Goberno municipal, preservando así o protagonismo das persoas homenaxeadas e o carácter institucional que debe presidir este tipo de recoñecementos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.