Monday 27 de July de 2026

O Concello de Laxe denuncia que o BNG utiliza a Deputación da Coruña para facer propaganda partidista e apropiarse do traballo municipal


Paco Charlín cualifica de “deslealdade institucional intolerable” que un deputado provincial visite Laxe ás costas do Concello para atribuír ao BNG unha subvención solicitada, tramitada e impulsada polo Goberno municipal

O Concello de Laxe denuncia publicamente a utilización partidista que o BNG está facendo da Deputación da Coruña despois de que esta formación anunciase nas súas redes sociais a visita ao municipio do deputado provincial de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, sen que o Concello nin o alcalde fosen informados oficialmente da súa presenza.

O alcalde de Laxe, Paco Charlín, considera esta actuación unha mostra de «deslealdade institucional intolerable» e lamenta que un representante da Deputación visite o municipio para tratar un proxecto municipal sen pasar polo Concello, sen contactar co Goberno local e sen respectar os mínimos principios de cortesía entre administracións.
«A Deputación da Coruña é unha institución de todos os concellos e de todos os cidadáns, non unha sede do BNG nin unha ferramenta para facer campaña electoral. Un deputado provincial non pode vir a Laxe ás costas do Concello para facer unha fotografía coa portavoz local do seu partido e atribuírlle ao BNG o traballo realizado durante meses polo Goberno municipal e polos técnicos», afirma Paco Charlín.

O Goberno local considera especialmente grave que o BNG asegure publicamente que a súa «proposta, traballo e presión» fixeron posible a subvención nominativa destinada á senda peonil da Torre. Nota de Prensa
«Nin a presión nin unha publicación en Facebook redactan proxectos, responden requirimentos, celebran reunións técnicas, modifican documentación ou asumen o financiamento municipal. Esa subvención sae adiante porque o Concello de Laxe a solicitou, traballou nela e cumpriu todas as esixencias da Deputación», responde o alcalde.

Unha subvención solicitada e tramitada polo Concello

A actuación para a mellora da senda peonil da Torre será financiada mediante unha subvención nominativa na que a Deputación asumirá o 80 % do investimento e o Concello de Laxe o 20 % restante.

Para chegar a este punto foi necesario atender diversos requirimentos administrativos e manter varias reunións entre o equipo redactor do proxecto e os técnicos provinciais. O proxecto xa foi aprobado tecnicamente e queda pendente unicamente da súa ratificación no Pleno da Deputación .

Paco Charlín critica que o deputado provincial optase por informar primeiro ao BNG de Laxe sobre o estado dun expediente promovido polo Concello, mentres o Goberno municipal non recibiu comunicación oficial ningunha sobre a visita.
«É unha práctica politicamente moi grave. O normal sería que a Deputación se dirixise á institución que solicitou a subvención, que vai achegar fondos municipais e que terá que executar a obra. Pero preferiron facer unha visita partidista e fabricar un relato no que o BNG aparece como protagonista dun expediente que non tramitou», sinala.

O alcalde considera que esta forma de actuar demostra que «xa comezou a carreira electoral» e que o BNG intenta utilizar os recursos e cargos institucionais da Deputación para facer oposición municipal.
«Cando unha actuación sae adiante, din que é grazas a eles. Cando existen dificultades técnicas, económicas ou administrativas, culpan o Goberno municipal e utilízanas como arma política. Iso non é traballar en equipo nin defender Laxe: é intentar poñerse medallas
co traballo dos demais», manifesta Charlín.

O Concello leva máis dun ano reclamando solucións para a DP-4001

O Goberno municipal lembra tamén o traballo desenvolvido para mellorar a seguridade da estrada provincial DP-4001, unha cuestión sobre a que o Concello mantivo unha primeira reunión o 10 de marzo de 2025 coa deputada responsable de Vías e Obras e con técnicos da propia Deputación.

Nese encontro, os técnicos provinciais propuxeron estudar unha posible circunvalación, ao entender que podía ser a única solución efectiva para mellorar a seguridade na zona.

O 17 de febreiro de 2026 tivo lugar unha segunda reunión sobre o terreo, na que a Deputación se comprometeu novamente a estudar a alternativa. O grupo municipal do Partido Popular tamén formulou preguntas no Pleno sobre o estado desta actuación.

Ademais, durante a reunión celebrada o 13 de xullo de 2026 entre Paco Charlín e om presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o alcalde volveu preguntar polos avances do estudo. Porén, ata o momento o Concello non recibiu ningunha resposta concreta.
«Levamos desde marzo de 2025 reuníndonos, reclamando solucións e preguntando pola circunvalación. A Deputación comprometeuse a estudala, pero non fixo nada. Agora aparecen en Laxe para facer fotografías e dar leccións de traballo municipal. O que necesitamos son resultados e compromisos cumpridos, non propaganda», afirma o alcalde.

O Muíño de Vento e o precedente do PAI

Na reunión do 13 de xullo tamén se tratou o proxecto de rehabilitación do Muíño de Vento de Laxe, que quedou fóra dunha convocatoria provincial por non acadar a puntuación mínima.

O alcalde trasladoulle ao presidente da Deputación que o Concello non comparte a valoración efectuada e propuxo que esta actuación poida recibir unha subvención nominativa no próximo exercicio.

O Goberno local lembra que esta estratexia de apropiación política xa se produciu co PAI, un servizo no que o Concello levaba anos traballando e que, unha vez desbloqueado e sacado adiante polo actual Goberno municipal, o BNG intentou presentar como unha iniciativa propia formulada hai máis dunha década.
«Parece que todo o que se consegue en Laxe é grazas ao BNG, aínda que non tramiten os expedientes, non redacten os proxectos, non poñan os recursos e non teñan responsabilidades de goberno. E aquilo que non se consegue inmediatamente utilízano para atacar. Esta maneira de facer política xa superou todos os límites», declara Paco Charlín.

“Laxe merece respecto e non será o escenario da¡ campaña electoral do BNG”

O Concello de Laxe reitera a súa vontade de colaborar coa Deputación da Coruña e co resto das administracións, pero advirte de que non aceptará novas actuacións nas que se ignore deliberadamente o Goberno municipal para favorecer os intereses políticos dun partido.
«Nós respectamos as institucións. Hai apenas uns días reuninme co presidente da Deputación para trasladarlle persoalmente as necesidades de Laxe. Ese mesmo respecto é o que lle esiximos á Presidencia provincial e aos seus deputados», afirma Charlín.
O alcalde conclúe reclamando que a Deputación deixe de actuar con criterios partidistas: «Laxe non pode ser o escenario no que o BNG veña facer a súa campaña electoral utilizando cargos, información e recursos dunha institución pública. Quen queira visitar o municipio é benvido, pero cando se vén como deputado provincial para falar de proxectos do Concello, o mínimo esixible é informar e respectar a institución municipal. Laxe merece lealdade, seriedade e respecto; non fotografías oportunistas nin medallas alleas».

Deja un comentario